Quenes somos?

Presentámonos!

Somos a Distribuidora Anarquista Polaris.

    De que vai isto?

A Distribuidora Anarquista Polaris é un proxecto afincado en Pontevedra, autónomo, anticomercial e antiautoritario de edición e distribución de materiais escritos que traten as loitas anarquistas e/ou anticapitalistas e que aborden a realidade desta sociedade de dominación e control cunha perspectiva crítica e rupturista. O seu obxectivo é fomentar o pensamento crítico, enriquecer o debate e axudar a espallar ideas e materiais que consideramos útiles ou interesantes para o desenvolvemento das loitas das que formamos parte. O proxecto funciona baseándose na ética do Faino Ti Mesmx e tentando fuxir das lóxicas mercantilistas, non considerando a propaganda e os textos que manexa coma mercadorías ou como propiedades, senón coma ferramentas que deben ser comúns e libres. O noso obxectivo principal é poñer a disposición de calquer persoa interesada unha serie de documentos tanto autoeditados como tomados doutros proxectos afíns, cuxa difusión, lectura e debate consideramos importante á hora de cuestionarnos a realidade circundante e adquirir a capacidade real de intervir sobre ela.

   Por que anarquistas?

Porque non confiamos nas estructuras xerárquicas. Cremos firmemente que a Autoridade é un lastre que limita o noso desenvolvemento persoal e coletivo, suprimindo a nosa autonomía e creando persoas dependentes que non son donas da súa vida, sometidas á vontade e necesidades das altas oligarquías saqueadoras e explotadoras.

Porque cremos que o Estado é o máximo expoñente deste lastre, ferramenta coercitiva por excelencia que actúa de mediadora e se encarga de facer prevalecer os desexos dunha clase propietaria e dominante sobre as necesidades comúns, defendendo os seus intereses mediante leis hipócritas, cárceres inhumanas e exércitos armados de policías e militares.

Porque se nos organizamos, somos capaces de crear outro tipo de relacións que nos permitan vivir doutro xeito: Horizontal, Asambleario e Comunitario.

   E que é iso de Polaris?

Nos séculos XVIII e XIX, a estrela do Norte, tamén chamada Polaris, era o punto de referencia para a fuxida dos escravos negros dende o sur dos EE.UU. cara os Estados do Norte. Nós, aínda rexeitando calquera posición vangardista, tamén pretendemos ser unha referencia para aquelas persoas que sintan coma nós o desexo de fuxir da escravitude moderna do traballo asalariado e o consumismo, e de rebelarse contra este mundo enfermo e enloquecido pola mercadoría.

   Entón sodes anarquistas? Non vos parece utópico?

Non. Se pensásemos que é utópico, non tería sentido esforzarnos. Cremos que é preciso un cambio a gran escala e a moitos niveis, e sabemos que isto esixe unha labor duradeira e a longo prazo. Pero vendo un mundo coma éste, sabemos que o mundo que levamos nos nosos corazóns non só é posible, tamén é necesario.

Convidámoste a coñecernos e compartir con nós dúbidas, opinións, críticas constructivas… Vémonos nas rúas!

Cuervo símbolo