O texto aquí presentado foi escrito por Michael “Cetewayo” Tabor, preso político do Black Panther Party dende a prisión. A data exacta descoñécese ata onde eu sei, aínda que o autor fala de situacións que tanto nos seus anos como na actualidade, con lixeiras variacións, continúan afectando ás comunidades negras dos suburbios norteamericanos. Por iso, dada a completa vixencia que desgraciadamente conserva o texto, decidín traducilo e editalo para a súa difusión.
Capitalismo máis droga igual xenocidio analiza a chamada “guerra contra as drogas” do goberno estadounidense traducindo o eufemismo e revelando o auténtico significado dese concepto, é dicir, a guerra sucia contra a poboación afroamericana precaria e contra as revolucionarias en xeral, utilizando as drogas primeiro coma veleno inoculado nas comunidades de persoas non brancas e acto seguido empregando as consecuencias desa dexeneración progresiva do tecido social e comunitario como excusa para xustificar o incremento na presencia policial, os asasinatos e encarceramentos masivos de todos aqueles “elementos perigosos” para a súa norma social capitalista, racista, patriarcal e opresora, e a imposición de novas leis.
Naturalmente, non é necesario irse aos guetos negros de grandes metrópoles iankis coma Nova Iork ou Los Ángeles para atopar feitos que confirmen tan terrible diagnóstico. No Estado español podemos atopar exemplos en Euskal Herria ou aquí mesmo, nalgunhas cidades galegas, onde a heroína, patrocinada polo goberno e promocionada subliminalmente coma sinónimo de rebeldía, fixo estragos nunha xeneración enteira de mozos e mozas combativas que non tragaron a farsa da transición nos primeiros anos de democracia.
A intención ao publicar isto non é cargar contra aquelas persoas que remataron atrapadas nas frías mans das drogas, nin tampouco culpabilizar a quenes por necesidade de cartos e ante a ausencia de oportunidades viven do menudeo de sustancias ilegais. Entendemos que é preciso facer unha análise en profundidade para atopar as auténticas causas de todo este problema e poder actuar xuntas para erradicalas. Nese camiño pretendemos axudar a avanzar con este pequeno aporte. Agardamos telo conseguido.
Para ler online ou descargar o material: