About Polaris

Distribuidora pontevedresa de fanzines e información anarquista e de ideoloxías horizontais en xeral (feminismo, liberación animal, antipsiquiatría dereitos LGTBQ...). En activo dende xullo do 2014.

Estaremos no I Encontro do Libro Anarquista de Santander!

Esta finde lembrámosvos que compas de Santander organizan o I Encontro do Libro Anarquista desta cidade cántabra, unha fin de semana repleta de actividades de debate, charla e empoderamento psicolóxico e corporal no que continuar profundando e tratando todas as cuestións que nos afectan e as loitas que se desenvolven contra iso aquí e noutros moitos territorios do mundo.

Alí estará o noso colectivo presentando a nosa publicación “Hasta Que Todes Seamos Libres: Una Mirada Crítica Antiautoritaria a los Vicios de la Lucha Contra el Especismo”. Tamén teremos un posto con material da distribuidora.

Vémonos alí? Para consultar e atopar máis información, visitade o blog do Encontro facendo click aquí.

[Nova Edición] “No les fallaremos… Historia y Lucha de Barry Horne”

Para ler online/descargar:

Cuberta

Interior

A intención de escribir e editar o presente texto é dar a coñecer a historia do compañeiro Barry Horne, a 17 anos da súa morte durante unha folga de fame que emprendeu desde prisión para protestar contra o financiamento que o goberno británico daba ás prácticas de vivisección e experimentación con animais doutras especies.

A memoria de Barry Horne foi calumniada polos seus inimigos, polas empresas e persoas que fan negocios coa vida doutras criaturas, traficando co seu sufrimento e lucrándose coa súa explotación. Tamén tentaron recuperala os sectores máis reformistas, que presentárono como un pobre mártir evitando na medida do posible falar sobre as súas accións incendiarias e sobre outros aspectos incómodos do seu activismo.

Nós queremos lembrar a Barry como se merece, como un guerreiro que comprendeu que nun mundo onde as leis e a moralidade dominantes apoian e favorecen a explotación diaria de miles de millóns de individuos cuxo único crime foi non nacer humanos, romper a lei é necesario para enfrontarse a eses explotadores e loitar de verdade por un mundo onde se respecte aos animais (humanos ou non) e á vida salvaxe, e onde as gaiolas non sexan máis que un desagradable recordo.

Lendo sobre as accións de Barry, a súa coraxe e determinación en cada un dos seus xestos, nos seus textos, declaracións e folgas de fame, así como tamén sobre as numerosas expresións de solidariedade combativa xurdidas de grupos de solidaries, sentimos latexar a nosa propia raiba e outros sentimentos que nos alentan a continuar e a cuestionarnos os nosos medos e responsabilidades nesta guerra. Porque non podemos falar doutra cousa que non sexa de guerra cando lembramos que hai tantos animais feitos po en granxas, matadoiros e laboratorios, ou agonizando entre as nosas urbes superpoboadas e os seus hábitats esnaquizados, e tantes des noses entre as reixas das prisións, ouveándolle todes á lúa para poder ser libres outra vez.

Contra unha cultura que esqueceu o significado dun compromiso e que cada vez máis entende a loita contra o especismo como unha moda consumista baseada en compartir receitas en Facebook e facer recensións a produtos “veganos” dos supermercados, queremos recuperar a esencia do movemento lembrando a aquelles que levaron os seus compromisos ata as últimas consecuencias. Porque antiespecismo sempre significará ataque e porque como dixo Tolstoi, “mentres existan matadoiros haberá campos de batalla”.

Esta é unha pequena homenaxe a Barry a 17 anos da súa morte, pero tamén queremos dedicarllo a outres compañeires que perderon a vida ou a liberdade loitando por un mundo sen escraves de ningunha clase. Dedicamos isto a Jill Phipps, que foi atropelada e asasinada durante unha protesta no aeroporto de Coventry (Reino Unido) ao interpoñerse diante dun camión que transportaba animais vivos para ser enviados en avión aos matadoiros de Holanda, e que decidiu non frear; tamén llo dedicamos a Bill Rodgers “Avalon”, activista ecoloxista e antiespecista que foi a prisión por varios actos de sabotaxe contra empresas que destruían os bosques nativos en América do Norte e suicidouse ao non soportar o peche; a Anna Campbell, compañeira de Bristol, anarquista, vegana e feminista saboteadora da caza que morreu asasinada por un bombardeo turco mentres loitaba pola revolución social e polo fin do imperialismo en Afrín (Kurdistán); e dedicámosllo por suposto a todes aqueles irmáns nos cárceres do mundo, a Marius Mason, a Walter Bond, a Joseph Dibee, a tantes outres.

Liberación animal significa ataque.
Por un mundo sen gaiolas!

Estaremos na II Mostra do Posible (Cangas do Morrazo, 6 e 7 de outubro)

Queremos agradecer ás persoas organizadoras da II Mostra do Posible ter contado co noso colectivo un ano máis para montar un posto de exposición do noso material na súa feira. O evento terá varias actividades e alí daránse cita diferentes proxectos de distinto cariz, desde colectivos editoriais libertarios ata iniciativas de economía solidaria, coidado da terra, cooperativas de cultivo ecolóxico, medios de comunicación libres e/ou alternativos, movementos sociais diversos etc.

Convidámosvos a todes a achegarvos o 6 e o 7 de outubro a Cangas do Morrazo.  Non vos preocupedes polo aloxamento, haberá acampada de balde! Vémonos alí.

Máis información sobre a Mostra do Posible facendo click aquí. Deixamos un vídeo promocional sobre a Mostra do ano pasado.

Estaremos no I Alcuentru d’Escritos Llibertarios de León (21-22-23 de setembro)

Es compañeires que orgainzan o I Alcuentru d’Escritos Llibertarios na cidade de León contaron con nós para presentar a nosa publicación “Hasta que Todes Seamos Libres: Una mirada crítica antiautoritaria a los vicios de la lucha contra el especismo”. Antes de nada, queremos agradecer enormemente o interese e o convite, así como a oportunidade de presentar a nosa publicación e o noso proxecto noutra cidade permitindo tecer lazos e vencellos entre compañeires, que é un dos propósitos fundamentais deste coletivo.

Para más info do Alcuentru, deixámosvos o cartaz do evento e o blog creado para reunir todo o relativo ao seu desenvolvemento (podedes acceder pinchando aquí) e convidámosvos a asistir se estades perto. Nós teremos un posto con material do noso coletivo.

[Nova Edición] “Bandera Negra Bandera Blanca – Un libro de ejercicios de anarquismo espiritual”, de Anna Ronnan

Temos o pracer de presentarvos a nosa nova edición, unha traducción ao castelán (e pronto ao galego) do libelo “Bandera Negra Bandera Blanca – Un libro de ejercicios de anarquismo espiritual”, da autora Anna Ronnan, e que presentamos a continuación por medio da introducción que escribimos para a nosa edición en castelán.

Plantexado coma un libro de exercizos, este material convídanos a pensar sobre diferentes conceptos e valores, e o xeito no que repercuten nas nosas vidas, e como podemos confrontalos ou asumilos na práctica cotiá, axudándonos así a traballar sobre o noso xeito de relacionarnos con nós mesmes e coas demáis persoas, para conquistar cada vez unha liberdade maior e máis plena.

Podedes descargar ou ler online en:

—-

O colectivismo está moribundo e o individualismo aínda non se consolidou; Ninguén sabe obedecer, ninguén sabe mandar. Pero de todo isto, a saber vivir libres, hai aínda polo medio un abismo. Abismo que poderá ser enchido só co cadáver da escravitude e o da autoridade. A guerra non podía encher este abismo. Podía soamente escavalo máis profundo. Pero iso que a guerra non podía facer, debe facelo a revolución. A guerra fixo aos homes máis brutais e plebeos. Máis triviais e máis feos! A revolución debe volvelos mellores. Debe ennobrecelos!

  • Renzo Novatore “Cara á Nada creadora”

Este material que presentamos non é un ensaio, nin tampouco un artigo, nin un texto ao uso. Tampouco é un manual, pois non che ofrecerá respostas, nin rutas predefinidas para o teu traballo ou as túas procuras. Pode ser, se se quere, unha guía, en tanto que, polo menos tal e como nós a entendemos, pódenos axudar a guiarnos entre as sombras e a néboa de confusión que cobre neste mundo a nosa relación con nós mesmes e coes outres, impedíndonos atopar lugares comúns, construír(nos) e deconstruir(nos) en harmonía coes que nos rodean, sen competir, acompañándonos sen invadir, coidándonos sen facernos sufrir (e aínda así, conscientes de que podemos facer/recibir dano, de que o sufrimento é parte da vida e del tamén se extraen leccións valiosas que merece a pena descubrir), sendo conscientes de nosas propias limitacións e barreiras físicas e emocionais e asumindo o reto titánico de desafialas, pero non como parte dun compromiso estático e regulado similar a un contrato laboral ou a un xuramento, senón como etapas dentro dun percorrido difícil e misterioso pero que eliximos emprender para atoparnos co que somos e co que poderiamos chegar a ser.

Poderiamos dicir que esta guía non che ensinará paso a paso como montar un moble, pero si che dirá que dispós de varias ferramentas, e cal é o significado máis básico de cada unha desas ferramentas, para que sexas ti, mediante o ensaio-erro, quen decida cales vas usar, e como queres usalas. Un libro de exercicios. Un rastro de faragullas de pan para nenes perdides.

Non pretendemos sentar ningunha cátedra, e menos sobre algo así. Para nós, como para a autora orixinal do presente material, nada é absoluto dabondo excepto as bases naturais máis primordiais da existencia. Todo o demais, cambia, fluctúa, evoluciona, e cando chega o momento, desaparece, para deixar paso a novos ceos. Aborrecemos as certezas. Afógannos as esperanzas. A liberdade sedúcenos e atráenos, pero para ir tras ela, antes, como dixemos, tal vez debamos aprender a camiñar. Camiñar ansioses do misterio que agarda tras o seguinte paso, coa mirada posta nun horizonte incerto pero apaixoante de encontros, desencontros, choques e distancias, mentres aprendemos, sobre a marcha, a camiñar e a vivir, porque niso consiste esta loita á fin e ao cabo.

Pola nosa banda, queremos agradecer enormemente á autora o traballo realizado ao escribilo e publicalo. A nós, en concreto, foinos de moita axuda, e sentímonos tremendamente identificades con moitos dos puntos que trata. Moitísimas grazas a ela!

Sen máis que dicir, deixámosvos coa guía. Esperemos que os exercicios de reflexión aquí propostos axúdenvos a descubrir partes de vosotres nas que quizá non repararades o bastante, ou a entender aspectos do voso ser, recunchos do voso interior, que quizá vos inquietan, férenvos ou entusiásmanvos.

Contra a soidade, a alienación, o abafo e a derrota.

Distribuidora Anarquista Polaris
Xuño 2018

O 20 de xuño estaremos na xornada do Espazo Vegafeminista no CSA do Sar (Compostela)

O vindeiro 20 de xuño estaremos no CSA do Sar (tamén coñecido coloquialmente coma “Casa do Peixe”), no número 28 da rúa Curros Enríquez, en Compostela, cun stand con material do noso coletivo, dentro da convocatoria que organizan conxuntamente as compañeiras do Espazo Vegafeminista e do Santuario Vacaloura, que celebran un novo aniversario.

Deixámosvos co cartaz onde ven toda a info e agardamos vervos por alí. Achegádevos escoitar ás compañeiras falar sobre interseccións entre Patriarcado e Especismo, e botar unha ollada na nosa mesiña de fanzines! Teremos materiais sobre antiespecismo, feminismo e outras loitas.

[Nova Edición] “Volando más allá de los muros: Herramientas para construir capacidades en prisión y más allá”

Desde a Distribuidora Anarquista Polaris gustaríanos anunciar a nosa nova edición, unha tradución que realizamos do fanzine en inglés “Soaring Beyond Walls: Tools for building capacity in prison and beyond”, unha guía básica e sinxela pero interesante que contén consellos e propón exercicios para axudarnos a entender a resposta do noso cerebro ante situacións de tensión, ansiedade ou desorientación, centrada sobre todo no ETP, e nas cales as nosas mentes perden a noción da súa contorna e poden rematar nun pozo do que logo é moi difícil saír, así como tamén para responder a eses momentos e recuperar a conciencia do lugar onde estamos, aprender a distinguir cada situación e ser capaces de suxeitar o extremo da corda e regresar cando notemos que esta se nos escapa. Non é a panacea, e nós tampouco somos profesionais no ámbito da saúde mental ou a neuroloxía. Simplemente, pensamos que é importante dotarnos de medios propios para autocoidarnos tamén neste sentido, e este é un intento de achegar outro pequeno rastro de faragullas de pan para todas aquelas persoas que se senten perdidas. Agardamos de corazón que vos resulte útil e que sexa do voso interese.

Deixámosvos coas ligazóns para ler online/descargar o fanzine e coa introdución que escribimos para a edición en castelán.

Para ler online/descargar:

Cuberta
Corpo

Un saúdo e por suposto, sodes libres de difundir, copiar e compartir este material como desexedes, sempre dentro dunha lóxica e un intercambio non comercial e sen ánimo de lucro.

—————

Foi cando deixei de buscar un fogar no interior de outres e levantei os cimentos dun novo fogar dentro do meu cando descubrín que non hai raíces máis íntimas que aquelas entre un corpo e unha mente que decidiron ser un todo.

– Rupi Kaur

Este fanzine foi editado polo colectivo Somatics (somatics@riseup.net), recolleito do blogue do colectivo editorial anarquista estadounidense Sprout Distro e traducido para a súa difusión en países de fala castelá, ademais de editalo como boamente permitíronnos os nosos limitados coñecementos en maquetación.

A vontade de publicar este material en castelán nace da inquietude compartida cos seus autores orixinais con respecto á necesidade urxente de restablecer unha relación saudable entre os nosos corpos e as nosas mentes, ao sentir que ese vínculo atópase totalmente descompensado, e que isto deriva en situacións de tensión, ansiedade e outras formas de sufrimento psíquico e/ou físico coas que, ademais, non aprendemos a lidar, xa que desde nenes prepárannos, por unha banda para que non saibamos identificar o noso sufrimento nin os seus patróns nin moito menos analizar e comprender de onde provén ou que é o que o provoca (tal introspección conduciría a calquera ás raíces podrecidas desta sociedade), e pola outra, para que temamos a esas respostas das nosas mentes e corpos, facéndonos sentir insegures e culpables por telas. Isto deriva nunha chea de persoas esnaquizadas, cheas de traumas, de medos, de inseguridades, de dores, que non souberon resolver nin abordar, e que lles (nos) están a consumir día a día, nunha espiral inxusta e moi dolorosa de desamparo, culpa e raiba.

Non queremos seguir vivindo as nosas relacións en tensión, nin pasarnos días enteiros tirades na cama, chorando, tremendo, sen entender do todo o que nos pasa, agobiades e confuses, odiándonos a nós mesmes e tratando mal a outres polos sentimentos de frustración, por “non estar ben”, cando a realidade é que “estar ben” nun mundo coma este é o principal síntoma dunha mala saúde.

A normalidade é unha trampa e un cárcere para a conciencia. Non somos normais nin queremos selo, porque a vosa normalidade non é máis que unha coartada social para a xeneralización da apatía e a insensibilidade. Odiamos todo aquilo que nos dite normas de conduta baseadas en panexíricos e non na experiencia directa con outres individues, dentro de contornas comunitarias respectuosas e sás. Queremos dotarnos de ferramentas e recursos que poidamos entender e utilizar, e compartilos, para non volver sentir que estamos a soas, para non volver sentir o abandono, e para que a loita non nos custe a vida nin a alegría…

Agardamos que este material axude a outras persoas en situacións parecidas a poder reconciliarse consigo mesmas e cos seus adentros. A esas persoas: Non estades soas aí fóra…

Distribuidora Anarquista Polaris
Principios de verán, 2018

Audio da nosa presentación da publicación “Hasta Que Todes Seamos Libres: Una Mirada Crítica a los Vicios de la Lucha Contra el Especismo” no Encuentro de Distribuidoras Anticomerciales de Palencia

O pasado 1 de abril un membro do noso coletivo estivo en Palencia, no VII Encuentro de Distribuidoras Anticomerciais presentando a nosa publicación “Hasta Que Todes Seamos Libres: Una Mirada Crítica a los Vicios de la Lucha Contra el Especismo” nunha actividade que nós, persoalmente, valoramos de xeito moi positivo, sobre todo polas achegas das compas asistentes e o debate xerado arredor das mesmas.

A palestra e o debate foron grabados en audio, e agora, aínda que con certa demora, gustaríanos compartir con vós ese audio para que aqueles que non puidéchedes estar pero teñades interese, poidades escoitala.

Grazas ás compas organizadoras por convidarnos ao evento e contar con nós, valorando o noso traballo. Querémosvos!

O día 4 de novembro imos á Coruña! · “Actividade enmarcada na Semana de Acción Antiespecista” no Ateneo Libertario Xosé Tarrío

O próximo 4 de novembro, no contexto da Semana internacional de acción antiespecista, terá lugar no Ateneo Libertario Xosé Tarrío un evento no que se presentará a publicación “Hasta que todes seamos libres: Una mirada crítica antiautoritaria a los vicios de la lucha contra el especismo”, a cargo do seu autor, e posteriormente terá lugar unha palestra que baixo o título “A falta de interseccionalidade no antiespecismo: Liberación animal significa guerra social” profundizará máis na temática da devandita publicación, falando das consecuencias e problemas que acarrea a falta dun posicionamento político claro contra a opresión dentro dos movementos animalistas (a mercantilización do veganismo, a tolerancia cara a presencia de individuos e grupos xenófobos, racistas ou nazis nestes movementos, a colaboración coas forzas policiais, a proliferación de actitudes machistas ou LGTBIfóbicas…). Despois, haberá comida 100% vexetariana a prezos populares para encher o bandullo e seguir coas conversas de xeito máis informal. Tamén haberá espazo para distris. Todo o recadado será destinado á edición de material antiespecista.

Eleximos a data do 4 de novembro porque coincide coa véspera do aniversario da morte de Barry Horne, un compañeiro cuxa historia marcou a nosa traxectoria activista e o noso desenvolvemento e crecemento persoal. Barry Horne foi un activista británico que compaxinaba o seu traballo de barrendeiro coa acción directa clandestina pola liberación animal. Participou nun intento de liberar a un delfín secuestrado nun acuario pero foi detido e condenado a 6 meses de cárcere. Logo, Barry continuou atacando por medio de dispositivos incendiarios diferentes estructuras e negocios especistas, destacando o ataque de Boots The Chemists (instalacións incendiadas na illa de Wight por testar os seus productos en animais), e tamén tendas de peletería.

Despois da súa detención portando un deses artefactos, Barry nunca se arrepentiu nin fuxiu da responsabilidade polas súas accións, e unha vez no cárcere, levou a cabo 4 duras folgas de fame que tiñan coma fin presionar aos medios de comunicación a falar de que o goberno destinaba fondos públicos a financiar experimentos crueis e innecesarios con animais non-humanos. Nunha destas folgas de fame, Barry morreu por un fallo hepático. Para nós, representa un exemplo de compromiso, de integridade, de valor, e unha persoa que loitou ata as últimas consecuencias por un mundo sen gaiolas. Nós queremos que esta actividade sexa unha homenaxe para el, e para todes aqueles que perderon a vida ou a súa liberdade nesta loita.

Porque non nos conformamos con mudar o que comemos. Queremos mudalo todo.
Porque non nos conformamos cun mundo sen especismo. Queremos un mundo sen autoridade.

Estades todes convidades!