Para ler online/descargar, click aquí.
O texto que presentamos a continuación é unha tradución que realizamos, tratando de ser o máis literais que puidemos, do texto “Accomplices, not allies: Abolishing the Ally Industrial Complex – An indigenous perspective & provokation” do colectivo Indigenous Action (Acción Indíxena) que pretende ser unha crítica e á vez unha provocación ao debate sobre a figura des denominades “ aliades” e o seu papel moitas veces contraproducente que perpetúa e mantén dinámicas racistas e coloniais e destrúe os lazos de confianza e afinidade para substituílos por relacións de dependencia que socavan a autonomía das persoas afectadas directamente pola opresión e a violencia racista/colonial. En contraposición á figura do “aliado”, problemática e dubidosa, propoñen a figura do cómplice, como persoa que realmente quere implicarse na loita contra o racismo e o colonialismo tomando conciencia dos seus privilexios e do lugar que lle conceden nas xerarquías para tombar. Cómplices significa que nos coidamos unhes a outres sabendo que partimos de lugares e vivencias distintas e, ás veces, contrapostas, e que estamos dispostes a recoñecer os nosos comportamentos e as nosas cagadas para destruír o que nos fai opresores, a responsabilizarnos do dano que causaron e seguen causando as nosas formas de vida e a asumirnos parte do conflito e, por tanto, das consecuencias. Cómplice significa que aceptas correr o risco.
Con isto non pretendemos falar poles oprimides, senón ser un altofalante para as súas voces. Cremos que son eles quen xa se están empoderando, ocupando os espazos que sempre lles foron negados, atacando as raíces da opresión e visibilizando as súas propostas e as súas ideas. O que pretendemos non é usurpar ese traballo que eles xa están a facer (e non precisamente coa nosa axuda e apoio reais) senón ceder os nosos espazos para que ese traballo se vexa e escoite máis. Con todo, si nos gustaría dicir algo:
Extrapolando ao feminismo, a etiqueta de “Aliado” xurdiu para que aqueles homes que se autoproclamaban feministas deixasen de apropiarse da loita mentres continuaban beneficiándose dos seus privilexios e tivesen unha etiqueta coa que nomear un suposto “compromiso honesto” coa destrución do Patriarcado ou para marcar unha diferenza con respecto aos homes “que seguen sendo machistas” (non coma ti, que xa superaches todos e cada un dos teus condicionamentos e alcanzaches a iluminación). Vemos que moitos homes converteron esa identidade no novo “Son un home feminista” e utilízana como medalla de honra. Se se tiveran deconstruido e revisado tanto, non precisarían iso para demostralo. Con isto é o mesmo. Non cremos na figura do Aliado, e se nos apurades, tampouco na de Cómplices. Non precisamos que se nos recoñeza como “aliades” nin como “cómplices” nin como nada. Deixaremos que sexan os nosos xestos e palabras, o noso xeito de compartir o espazo, a voz e as ferramentas, as que falen por nós e definan novos lugares comúns.
Distribuidora Anarquista Polaris · Xaneiro 2019