[Edición] Roza e as outras: O papel das mulleres na preparación da revolta armada no campo de concentración de Auschwitz

O ano pasado por estas datas editabamos nun fanzine sinxeliño, coas compas de Abordaxe!, este texto noso en memoria de Roza Robotta, Ala Gertner, Regina Zafirstain e Ester Wajsblum, mulleres xudías que participaron na resistencia clandestina no inferno de Auschwitz-Birkenau.

O pasado 6 de xaneiro cumpríanse 75 anos dende o 6 de xaneiro de 1945, cando as 4 foron asasinadas polos nazis. Isto é unha pequena contribución á súa memoria…

Ler online/descargar picando aquí (versión para lectura online) ou aquí (versión compaxinada para imprimir).

:::

O presente texto foi escrito nun comezo para a web da editorial anarquista Abordaxe! coa intención de dar a coñecer un episodio de resistencia descoñecido para moitas, na nosa opinión debido tanto ao contexto e lugar onde aconteceu (e onde resulta difícil, en principio, imaxinarse unha sublevación armada das prisioneiras) como polo feito de que as súas protagonistas sexan mulleres, eternas silenciadas, invisibilizadas por unha historia escrita por homes que xamáis recoñecerán ás mulleres como suxeitos protagonistas, e moito menos como individuas conscientes capaces de organizarse por sí mesmas para respostar aos seus opresores e loitar polas súas vidas e dignidade.

Agora, decidimos editalo nun formato sinxelo e asequible coa mesma idea, agardando que axude á súa difusión e lectura, e que esta historia continúe inspirando novas esperanzas e novas revoltas.

Queremos agradecer a labor que realizou no seu día Ingrid Strobl, xornalista e activista feminista e anticapitalista, documentando, ordenando e compartindo a historia das mulleres que participaron nos distintos movementos de resistencia que xurdiron nos territorios europeos ocupados polos nazis ou na España franquista, porque permitiunos coñecer moitas voces e fazañas coma esta. Aconsellamos encarecidamente a lectura do libro “Partisanas: La mujer en la resistencia armada contra el fascismo y la ocupación alemana (1936-1945)”.

Queremos dedicar esta publicación, por suposto, á memoria de Roza Robotta, Ala Gertner, Regina Safirstain e Ester Wajsblum, agora que se cumpren 75 anos desde aquel 6 de xaneiro de 1945 no que as catro foron aforcadas en Auschwitz polas SS diante do resto de prisioneiras. Tamén queremos dedicalo á memoria de todas as demais, de todas as mulleres que resistiron contra o fascismo e cuia her-story foi silenciada mesmo polo propio patriarcado “revolucionario”.

Por elas. Por todas