Algunhas explicacións necesarias sobre o parón no noso proxecto e o seu futuro.

Boas a todas, todos, todes e demáis identidades non hexemónicas!

Escribimos isto porque levamos unha boa tempada sen montar o noso posto nas inmediacións da Praza da Ferrería, e cremos que é hora de explicarnos esa repentina desaparición, esa pausa tan prolongada que por unha serie de motivos vímonos obrigadas a facer no noso actuar dentro deste colectivo.

Consideramos que nestes meses no que o noso proxecto funcionou (ou polo menos, mantivo a súa actividade, con máis ou menos aceptación e interese por parte da xente), foron moitos os erros. Días nos que máis por comodidade que por razóns reáis, ou falta de tempo, non montábamos o posto (cando din que máis vale tarde que nunca, teñen razón), momentos nos que non tomábamos en serio o noso traballo, ou antepoñíamos plans persoais baseados no esparcimento e o ocio ao noso compromiso para con a devandita Distribuidora… Somos conscientes de que puidemos ter posto máis empeño, e de que a Distri podería ter dado mellores resultados. Alén, tamén queremos reparar no feito de que estas últimas semanas, ou meses, o noso proxecto sufriu unha serie de inconvenientes imprevistos, que nos gustaría explicar, e que leváronnos a cuestionarnos a posibilidade de continuar con él:

Por un lado, dicir que fai uns meses sufrimos un roubo durante unhas xornadas de solidariedade cun colectivo libertario co cal mantemos unha forte afinidade. Non especificaremos cal, porque aínda que estamos seguras de que ese roubo non viu de parte de ningunha das persoas que traballan nese proxecto, cremos que mencionar o colectivo en concreto podería perxudicalo, ou dar lugar a malentendidos. Estamos seguras de que este colectivo non tivo nada que ver no ocurrido, e queremos deixar isto claro. Alén, nese vergoñento suceso perdimos o bote dos cartos, onde gardamos todo o diñeiro do que dispoñemos para fotocopias, adquisición de novo material, impresión de cartaces e panfletos cos que difundir e promocionar o noso proxecto etc. Este feito minou seriamente a nosa capacidade, xa que acabábamos, de feito, de realizar unha inversión, non puidendo realizar outra inmediatamente despois do roubo (somos estudiantes, e non temos poder adquisitivo dabondo). Queremos remarcar o triste que nos parece que alguén sexa quen de acudir a un centro social onde se están a celebrar unhas xornadas anarquistas, para roubarlle a un colectivo que funciona dende o principio coa autoxestión e o esforzo de quenes o compoñen, que nunca buscou (nin buscará) lucrarse a costa da propaganda que difunde, e que un reducido grupo de persoas de escasa solvencia poñemos en marcha con cartos dos nosos propios petos. Non condenamos a expropiación nin moito menos, pero pensamos que dita actividade, máis alá das leis e códigos moráis desta sociedade (que non validamos nin compartimos en absoluto), debe limitarse a quenes explotan e aproveitan o traballo e esforzo alleos, a quenes convirten a seres humanos ou animáis non-humanos en mercadorías, e a quenes trafican cos nosos desexos, tempo e forza de traballo a cambio dun salario miserable. Quen é quen de roubarlle a un colectivo antiautoritario e autoxestionado, ten a mesma mentalidade que aqueles que odiamos e despreciamos.

Alén dos problemas económicos que atravesou o proxecto a raíz disto, tamén se deron certos debates no seo do colectivo que conduciron a algunhas persoas a afastarse ou a pasar a unha posición secundaria dende onde colaborar sen tomar parte no grupo directamente. Pese a que dentro do grupo existen discrepancias sobre a validez das motivacións de dito afastamento, e outras cuestións que afectaron a estas decisións, coma colectivo respectamos totalmente esta elección e seguimos mantendo afinidade e boa relación con estas persoas, pero isto, sumado a que outros membros do colectivo da distri marchan vivir este ano a outra cidade por razóns de estudos, fixo que apenas fiquen membros en Pontevedra, que poidan seguir montando a distri na rúa coa periodicidade de antes, sendo éste o segundo dos inconvenientes que nos impediron continuar avanzando co proxecto especialmente nos meses do verán.

Non pretendemos excusarnos, senón explicar por que de repente deixamos de lado a nosa actividade coma colectivo anarquista de difusión autoxestionada e anticomercial de material a pé de rúa.

Por último, quixéramos salientar que nos meses nos que proxecto funcionou, vimos e coñecimos caras novas, tivemos debates entre nós e con outras persoas, difundimos materiáis a todo tipo de persoas (algunhas das cales, sendo sinceiras, nunca teríamos imaxinado que se interesarían nuns libelos, fanzines e panfletos coma os nosos!), dimos palestras en centros sociais e ateneos, acudimos a encontros de distris e editoriais onde intercambiamos materiais e tecimos lazos moi importantes con outros proxectos semellantes doutras partes da Península Ibérica, e sobre todo, divertímonos e creímos firmemente no que facíamos e na súa potencialidade. Agradecemos e valoramos todo isto coma o noso mellor tesouro, pois nada nos satisface máis que saber que da nada materializamos un proxecto coma o noso e logramos que funcionara (cos seus acertos e miserias) durante bastante tempo, fortalecendo afinidades, e tamén agrietando as rupturas e tensando os desacordos. «Somos o que facemos para mudar o que somos», dixo Eduardo Galeano. Por iso, agora atopámonos nun momento de impase, un parón momentáneo ou, se cadra, definitivo (agardemos que non, por favor!), pero que agardamos que nos sirva para evoluír persoal e colectivamente, e máis alá do eido político; agardamos mellorar, medrar, e seguir soñando que as palabras e os textos dan paso por fin á acción, á desobediencia, á praxe revolucionaria que tumbe os pilares da inmovilidade, do medo e da monotonía, e avance cara procesos auto-organizativos autónomos cos que tentar superar as contradiccións do sistema e atacar o seu esnaquizado corazón de óxido, cemento e bágoas con todas as nosas forzas, con todas esas enerxías que nos rouban con traballos alienantes, rutinas absurdas e burocracia.

Isto non é un adeus. Agardamos atopar momentos nos que poder reunirnos, poñer sobre a mesa estas e outras cuestións que precisan ser discutidas e consensuadas, e volvernos poñer en funcionamento. Pedimos simplemente comprensión e paciencia. Volverémonos ver… Ao mesmo tempo, por suposto, O NOSO PROXECTO SEGUE EN MARCHA INFORMALMENTE, co cal, se algunha de vós atopa algún material no catálogo deste blogue que lle parezca interesante e quere consultalo, QUE NOS ESCRIBA A DISTRIPOLARIS-@-RISEUP.NET e poñerémonos en contacto para facilitarlle o material solicitado. O único que agora mesmo non podemos montar o noso posto na rúa, por falta dos medios e das persoas necesarias, pero SEGUIMOS EN ACTIVO por e-mail e de xeito informal.

Ata entón, grazas por todo este tempo ao noso carón, a todas as que algunha vez pasáchedes polo noso posto, e leváchedes algún fanzine ou libelo, ou simplemente preguntáchedes con interese, ou botáchedes unha ollada curiosa, ou mesmo a quenes nos criticáchedes constructivamente. A todas vos, de verdade, GRAZAS. A quenes actuaron de xeito destructivo, a quenes tentaron silenciarnos ou interrumpir o noso traballo, á policía local de Pontevedra, aos vellos fascistas resentidos e a todas as que nos miráchedes con aires de superioridade ou consideráchedes o noso traballo unha perda de tempo, dicirvos que polo menos o noso tempo nos pertence, e que tamén queremos darvos as grazas, xa que sen a vosa «contribución» a nosa raiba perdería forza.

Agardamos ter aclarado, aínda que sexa pormenorizadamente, o noso parón destes meses. Ata a próxima, compañeiras!

Distribuidora Anarquista Polaris.
– proxecto antiautoritario e autoxestionado de difusión de material escrito –
Pontevedra – Postrimerías do verán do 2015

Un comentario en «Algunhas explicacións necesarias sobre o parón no noso proxecto e o seu futuro.»

  1. Pingback: [Pontevedra] Comunicado da Distribuidora Anarquista Polaris: ” Algunhas explicacións necesarias sobre o parón no noso proxecto e o seu futuro”. | abordaxe

Los comentarios están cerrados.