Nova edición: Colonialismo, Imperialismo e Liberación Animal

Como persoas veganas e comprometidas coa liberación animal e a loita antiespecista, témonos atopado con moitos xeitos distintos de tratar de desacreditar ou de criticar mediante falacias o estilo de vida vegano, e as eleccións políticas e éticas tanto sociais como persoais que implica. Unha das máis recentes é aquela que plantexa o veganismo coma un suposto privilexio “primermundista”, que as brancas clase media ou alta tratarían de impoñer a outras sociedades, civilizacións e culturas do mundo.

Non obstante, pasando por alto que o noso obxectivo nunca foi nin será privar a ninguén dos medios para a súa subsistencia (de feito, é ao contrario, e son o especismo e a sociedade industrial os que semellan perseguir ese fin, e non só con animais de outras especies), e pese a ser conscientes de que a viabilidade dun estilo de vida vegano varía en función das condicións de cada territorio, non podemos obviar que as análises e ensaios de numerosas autoras, dende Jason Hribal e Gary Francione ata o texto “Bestias de carga” de Antagonism and Practical History, demostraron que a explotación de animais non-humanos, e toda a maquinaria de cosificación e devaluación sistemática que sempre sustentou a moral e a ideoloxía especista, son principalmente (aínda que non soamente, sendo honestas) froito dun Occidente podre, codicioso e invasor, mentras que aquelas sociedades orixinarias que sufriron a colonización imperialista que roubou as súas terras, esmagou as súas culturas e exterminou ás súas poboacións, mantiveron na súa maioría (con excepcións, claro) unha relación cos animais baseada no respecto contemplándoas coma iguais incluso cando, por necesidade (e non por capricho nin por unha cruel demostración de forza) cazábanos.

De feito, son varias as persoas que, orgullosas da súa orixe indíxena e nativa, defenderon e asumiron un estilo de vida vegano, ao ver as conexións que vencellan a opresión que sufriron os seus pobos coa opresión e exclusión que sufran as animais non-humanas e a natureza. Nalgúns casos, foron estas compañeiras quenes levaron os seus compromisos ata as últimas consecuencias e puxeron a súa propia vida e liberdade en xogo para liberar do seu cautiverio a animais, ou para destruir os medios usados para a súa explotación. Exemplo disto é a Western Wildlife Unit, unha célula da Fronte de Liberación Animal que actuou en EEUU contra a industria peleteira e os seus accionistas, e cuxas integrantes, nativas americanas, pertencían á Nación Coiote.

Considerando todo isto, para nós, pese a ser un colectivo de persoas brancas que viven en Europa, non ten sentido plantexar o veganismo coma unha custión imperialista centrada en impoñer os nosos perfectos valores morais occidentais a todo o mundo. Do que se trata é de visibilizar a dinámica de opresión implícita no especismo e con iso amosar os paralelismos existentes entre as distintas formas de dominación, artellando un movemento forte, capaz de subvertir todas esas estructuras véndoas coma unha soa, sen perder de vista as particularidades e aspectos concretos que caracterizan cada unha delas.

Por iso, decidimos traducir ao galego e editar este texto, coa sá intención de profundizar no debate, e de deixar claro dunha vez por todas que o veganismo non só é compatible co respecto e a valoración das costumbres e cultura dos demáis pobos do mundo, senón que de feito é o imperialismo occidental o que, con frecuencia, exporta a mentalidade especista a outros lugares e sociedades onde non existía, e impón un xeito único de relacionarse cos animais e coa natureza.

Para descargar ou ver online:

Galego:

Portada
– Corpo

Castelán:

Portada
Corpo

portada colonialismo blogs