O próximo 4 de novembro, no contexto da Semana internacional de acción antiespecista, terá lugar no Ateneo Libertario Xosé Tarrío un evento no que se presentará a publicación “Hasta que todes seamos libres: Una mirada crítica antiautoritaria a los vicios de la lucha contra el especismo”, a cargo do seu autor, e posteriormente terá lugar unha palestra que baixo o título “A falta de interseccionalidade no antiespecismo: Liberación animal significa guerra social” profundizará máis na temática da devandita publicación, falando das consecuencias e problemas que acarrea a falta dun posicionamento político claro contra a opresión dentro dos movementos animalistas (a mercantilización do veganismo, a tolerancia cara a presencia de individuos e grupos xenófobos, racistas ou nazis nestes movementos, a colaboración coas forzas policiais, a proliferación de actitudes machistas ou LGTBIfóbicas…). Despois, haberá comida 100% vexetariana a prezos populares para encher o bandullo e seguir coas conversas de xeito máis informal. Tamén haberá espazo para distris. Todo o recadado será destinado á edición de material antiespecista.
Eleximos a data do 4 de novembro porque coincide coa véspera do aniversario da morte de Barry Horne, un compañeiro cuxa historia marcou a nosa traxectoria activista e o noso desenvolvemento e crecemento persoal. Barry Horne foi un activista británico que compaxinaba o seu traballo de barrendeiro coa acción directa clandestina pola liberación animal. Participou nun intento de liberar a un delfín secuestrado nun acuario pero foi detido e condenado a 6 meses de cárcere. Logo, Barry continuou atacando por medio de dispositivos incendiarios diferentes estructuras e negocios especistas, destacando o ataque de Boots The Chemists (instalacións incendiadas na illa de Wight por testar os seus productos en animais), e tamén tendas de peletería.
Despois da súa detención portando un deses artefactos, Barry nunca se arrepentiu nin fuxiu da responsabilidade polas súas accións, e unha vez no cárcere, levou a cabo 4 duras folgas de fame que tiñan coma fin presionar aos medios de comunicación a falar de que o goberno destinaba fondos públicos a financiar experimentos crueis e innecesarios con animais non-humanos. Nunha destas folgas de fame, Barry morreu por un fallo hepático. Para nós, representa un exemplo de compromiso, de integridade, de valor, e unha persoa que loitou ata as últimas consecuencias por un mundo sen gaiolas. Nós queremos que esta actividade sexa unha homenaxe para el, e para todes aqueles que perderon a vida ou a súa liberdade nesta loita.
Porque non nos conformamos con mudar o que comemos. Queremos mudalo todo.
Porque non nos conformamos cun mundo sen especismo. Queremos un mundo sen autoridade.
Estades todes convidades!