Aquelas persoas que escollimos un estilo de vida vegano e que temos aplicado nas nosas vidas as conviccións que nos levaron a posicionarnos en contra do especismo estamos máis ou menos acostumadas a atoparnos cos mesmos argumentos e críticas unha e outra vez. Ás veces é fácil ter a sensación de que alguén cargado de resentimento cara as persoas veganas molestouse en redactar un manual recopilando todas as súas críticas, xa que pode chegar a ser sorprendente como entre persoas que viven a moita distancia, nin se coñecen e nunca intercambiaron unhas palabras aparecen sempre os mesmos argumentos. Que se as proteínas, que se a B-12 e os suplementos, que se o calcio e o ferro, que se a crianza ecolóxica de animais, que se os animais tamén se comen os uns aos outros, que se a cadea alimenticia… Respostar a todo isto en cada debate no que nos vexamos envoltes pode chegar a ser moi cansino e hai ocasións nas que eu, polo menos, e sei que outres compañeires tamén, desexaríamos contar cunha lectura a man que poder aconsellar a todas esas persoas que reiteran as mesmas razóns rebatidas mil e unha vez antes. É desa necesidade da que xurdiu a idea de editar a presente publicación, a cal contén un texto moi peculiar, onde unha persoa vegana (o autor) escribe respostando aos argumentos máis comúns que se empuñan en contra do veganismo como estilo de vida, ofrecendo respostas que esquivan recursos cómodos e contraproducentes coma o insulto fácil ou a burla e buscan respostar a todas esas dúbidas, para rematar concluíndo que non se pode negar sen falacias que o veganismo é unha alternativa factible que permite reducir drásticamente a nosa contribución á explotación, escravitude e matanza de animais e ao deterioro e contaminación do medio ambiente, aínda con todos os aspectos dun estilo de vida vegano que se poderían criticar (desde a súa fácil asimilación por parte da sociedade capitalista e as súas empresas que convírtenno nunha mera alternativa de consumo completamente inofensiva ata a súa falta de conciencia – ás veces – arredor de temas como a defensa da natureza e do medio ambiente ou a interseccionalidade entre a loita pola liberación animal e o resto de loitas contra as estructuras de dominación que afectan a humanes, ou de consideración cara as diferentes condicións que marcan o contexto puntual doutras persoas e doutros pobos, onde o veganismo pode perder viabilidade).
Parto da base de que eu non son perfecto, e que todes temos as nosas incoherencias. Moites de nós vivimos en cidades onde acceder a verduras ecolóxicas e de calidade é moitas veces demasiado caro ou complicado, e onde a propia agricultura ecolóxica converteuse nunha etiqueta máis do capitalismo, coa que grandes corporacións véndennos os seus produtos «eco-friendly» tan daniños como calquera outro. Desprazámonos en medios de transporte que teñen un gran impacto natural por autoestradas e vías de tren que arrasan o territorio onde son construídas, e dependemos de fontes enerxéticas que están a reducir cada vez máis rápido a Terra a un horrible e desolador deserto… Compremos a nosa comida, reciclémola ou expropiémola, somos conscientes de que dependemos dunha serie de empresas que producen grazas a uns medios de fabricación industrial que tamén xeran un impacto nos ecosistemas onde habitan os animais, e iso por non falar dos transportes e os métodos de envasado. Maldita sexa, ata para imprimir este libelo causouse un impacto que repercutirá sobre incontables vidas de animais! Por iso, non creo que estea en situación de aleccionar a ninguén sobre nada. Traballamos sobre as condicións que nos tocou vivir (ou máis ben soportar) e asumimos as contradicións tentando superalas ou loitar contra elas, entendendo a coherencia non como unha obriga senón como unha pelexa diaria na cal una das principais armas das que dispoñemos é o debate honesto e a autocrítica. Pensando sinceramente que o contido deste material pode contribuír en gran medida a ambas cousas, é que decidín publicalo.
O texto foi escrito por Gerfried Ambrosch, e recolleito en inglés do blogue de Momentum, unha banda de crust punk británica da que o autor é membro e que entre outros valores e ideas promove nas súas letras e actitude o antiespecismo e o rexeitamento a toda figura de opresión ou dominación. Foi traducido do inglés e reeditado neste formato durante as últimas semanas da primaveira e as primeiras semanas do verán de 2016.
Ademais da tradución, engadín algunhas notas ao pé de páxina tanto para facer algunhas matizacións ou aclaracións que considerei necesarias como para explicar algúns desacordos puntuais co autor que me parecía importante sinalar, sen por iso desmerecer o seu traballo nin a achega que realizou ao escribir este texto.
A min gustoume moito lelo a medida que o ía traducindo e agardo que vós gocedes tanto coma min, e sobre todo agardo que vos resulte útil. Discutídeo, debatédeo, pasádeo de man en man, copiádeo.
Como sempre, toda copia, distribución ou reprodución deste texto sen o permiso expreso do autor ou do editor aquí presente queda terminantemente recomendada e será de agradecer.
Por un mundo sen gaiolas!
Para descargar ou ler online o fanzine: