A continuación deixamos a nosa nova edición, un texto sobre a cultura da intoxicación e a loita contra ela escrito por Flower Bomb e que traducimos do inglés e reeditamos en castelán (e pronto en galego) para a súa difusión. Deixamos enlaces de descarga e texto de presentación. Sentídevos libres de descargar e compartir o material.
Para ler online/descargar:
—-
«Nesta cultura automatizada, afixémonos a vernos como simples máquinas para operar: agregar o produto químico axeitado á ecuación para conseguir o resultado desexado. Na nosa procura da saúde, a felicidade, o sentido da vida, corremos dunha panacea a outra – viagra, vitamina C, vodka – no canto de achegarnos ás nosas vidas holísticamente e dirixir os nosos problemas cara ás súas raíces sociais e económicas. Esta lóxica orientada ao produto é a base da nosa alienada sociedade de consumo: Sen consumir non podemos vivir! Tentamos mercar a relaxación, a comunidade, a autoestima, agora mesmo a éxtase vén nunha pílula!»
– Anarquía e Alcol (Colectivo CrimethINC.)
Na sociedade na que vivimos é difícil non sentir unha necesidade constante e crecente de apagar os nosos sentidos ou, polo menos, de apartalos de todos aqueles pensamentos que nos saturan a cabeza e o corazón. Débedas, xornadas de traballo extenuantes ou alienantes, interaccións baleiras ou superfluas, falta de motivación, apatía, estímulos repetitivos, lecer programado que nos afasta en lugar de levarnos a achegarnos, falta total dunha conexión emocional ou física coa nosa contorna (cada vez máis afastades da natureza e as súas sensacións, sons, ciclos…) e co resto de persoas que nos rodean (cada vez máis inmerses nunha sociedade que constrúe os seus vínculos mediante aplicacións de mensaxería instantánea pero teme mirarse aos ollos), e a frustración permanente dunha existencia pasiva onde a única satisfacción á que se nos permite aspirar parece ser a que proporciona o pracer efémero e momentáneo das actividades relacionadas co consumo e a ostentación (que xa sexan de substancias psicoactivas, obxectos e mercadorías mortas ou de corpos, relacións líquidas ou «emocións fortes», sempre deixan tras de si un gran baleiro), debuxan os contornos dunha vida insoportable. É comprensible entón que haxa persoas que busquen desesperadamente unha escapatoria, aínda que sexa breve, diversión, alteracións no seu sistema nervioso ou na súa actividade cerebral, calquera cousa con tal de evadirse momentaneamente desta fúnebre monotonía. Non podemos xulgar e desde logo rexeitamos aqueles discursos que culpan ás persoas polas súas adiccións ou polos seus medos, pola súa incapacidade para lidar sobrias con tanta presión ou pola súa vulnerabilidade ante o bombardeo de imaxes e mensaxes que nos incitan compulsivamente a entregarnos a unha ou outra distracción ou foco de alienación. Ademais, entendemos que cada persoa escapa ás súas ansiedades e á súa desesperación como boamente pode e non somos ninguén para xulgar nin queremos asumir o rol de xuíces. No canto diso, preferimos canalizar as nosas enerxías cara outras cousas máis positivas como cuestionar os nosos propios hábitos e dependencias, e armar a crítica para axudar(nos) a recapacitar e a pensar no tipo de comunidades que estamos a construír, as cadeas que nós mesmes reforzamos, e as alternativas que existen.
O que aquí presentamos é unha achega máis nesa dirección, que traducimos do texto en inglés publicado poles compañeires de Warzone, editora anarquista dos EUA, afín á ecoloxía radical e a ética antiespecista, e que conta con varios textos editados sobre a loita contra a cultura da intoxicación desde unha perspectiva revolucionaria e libertaria. A intención con esta publicación, repetimos, non é facer que ninguén se sinta xulgade, senón achegar ideas e ferramentas para a crítica, útiles para quen desexe cuestionarse este tipo de cadeas e continuar avanzando cara á liberación total.
Queremos a destrución dun mundo inxusto baseado na explotación de moites para o beneficio dunhes pouques, e que primeiro nos rouba a sabedoría e as bases para entender o noso sufrimento ou as nosas necesidades vitais ou emocionais e logo fainos sentirnos culpables polos efectos que ten sobre a nosa saúde física e mental a merda de vida que as súas grises estruturas obrígannos a levar, para rematarnos intoxicándonos coas súas drogas, os seus psicofármacos e o seu narcisismo multimedia.
Queremos ver ardendo as cidades que nos entristecen e deshumanizan, as fábricas que converten en fume os bosques e montañas e que nos rouban a auga, a terra ou o aire limpo para que podamos seguir tendo absurdas comodidades tecnolóxicas que non nos fan felices, as prisións que encerran a quen se rebela contra a súa norma ou contra a súa moral, as infraestruturas que fan funcionar toda a súa maquinaria. Para iso, necesitamos unha mente despexada e unhas mans inquietas. Cada unhe ao noso ritmo e baixo nosas propias dinámicas e responsabilidades, agardamos avanzar, xuntes ou por separado, cara a esta meta, aliándonos nas complicidades, na raiba e nos afectos contra este sistema que só nos deixa dúas opcións a elixir: anestesiarnos ou morrer.
Porque non hai droga máis adictiva que a adrenalina da acción, armemos as nosas negacións. Que se estenda a revolta.