Nova Edición: «Bendita sea la llama… Una introducción anarconihilista a la resistencia en los campos de concentración nazis» (Serafinsky)

Saúdos a todas!

Desde a Distribuidora Anarquista Polaris gustaríanos compartir a nosa nova edición, unha tradución do texto “Blessed is the flame… An introduction to concentration camp resistance and anarcho-nihilism”, que nós saibamos inédito ata o de agora en castelán, e no que o autor, que asina co pseudónimo Serafinsky, explora distintos episodios de resistencia activa dentro dos campos de concentración e exterminio da Alemaña nazi cun enfoque anarquista e nihilista que nos serve para analizar tamén algunhas das inercias, esperanzas e falsas certezas que nos atan e manteñen en albas nas nosas propias loitas contra este miserable presente.

Deixamos a introdución que elaboramos para a nosa edición do texto. Por favor, sentídevos libres de difundir e reproducir onde estimedes oportuno, sempre que sexa con fins non comerciais ou de lucro.

Para ler online/descargar a publicación, premede aquí mesmiño.

:::

Ao ler, escoitar testemuños de sobreviventes ou ver documentais acerca do holocausto nazi, xurdía con frecuencia unha pregunta: Como é posible que todo isto ocorrese sen que ninguén opuxese resistencia? Como conseguiron os verdugos tal nivel de submisión á súa arrepiante mecánica do xenocidio? Profundando soubemos que, en verdade, si houbo resistencia, valente e abundante, aínda que gran parte da súa memoria perdeuse, silenciada polos nazis e as súas represalias. Entón, xurdía outra pregunta, aínda máis difícil de respostar e dixerir: Como é posible que en lugares como Auschwitz ou Treblinka, onde día a día eran asasinadas e torturadas centos senón miles de persoas e todo estaba cuberto pola desesperanza máis atroz, alguén fose capaz de reunir a forza para rebelarse?

O presente texto, que recollemos de Anarchist Library e traducimos a castelán para logo editalo neste libelo que tes entre as túas mans, pretende responder a estas preguntas, e cremos que analizar desde unha perspectiva anarquista e nihilista os principais episodios de resistencia e sublevación contra os nazis permítenos tamén reinterpretar as condicións das nosas loitas no presente e facer autocrítica.

Comparar a nosa realidade coa dunha prisioneira dun campo de concentración nazi pode parecer unha estupidez, incluso unha falta de respecto a quen viviu aquel inferno. Ese, de todos os xeitos, non é o noso obxectivo. En calquera caso, si atopamos un paralelismo fundamental e inquietante: Tanto as que agardaban temblorosas e resignadas a súa quenda para ir á cámara de gas como quen día a día aguantamos esta miseria agardando un milagre (chámese ese milagre a “revolución”, o “progreso” ou un advenemento divino) aferrámonos a esperanzas baleiras para evitar enfrontarnos a unha realidade sobrecolledora e horrible.

Cando en decembro de 2008 un axente de policía chamado Epaminondas Korkoneas asasinou en Atenas ao rapaz anarquista Alexandros Grigoropoulos, de 15 anos, desencadeou unha das maiores revoltas sociais da nosa época. No contexto daquela insurreción, un dos moitos textos distribuídos remataba cunhas palabras que pensamos que paga a pena rescatar para a ocasión: “Non temos ilusións. Non temos ningunha esperanza. Por iso somos perigosos (…) Historia, alá imos”.

Se cadra non foron as esperanzas tenues as que empoderaron a esas condenadas de Birkenau, de Treblinka, de Sobibor, para alzarse contra os seus captores, senón precisamente a falta do seu consolo. Se cadra non foi un programa estruturado de obxectivos a longo prazo o que lles deu a seguridade para lanzarse ao pescozo do seu inimigo a pesar da asimetría absoluta en canto a medios e capacidade, senón un contexto de tal adversidade que toda proxectualidade resultaba en balde ao non saber sequera se chegarían vivas ao día seguinte. Se cadra non son certezas, nin unha garantía de vitoria, o que necesitamos para abandonar esta falsa seguridade e atacar a un mundo que nos escraviza, e que apaga os nosos desexos de prenderlle lume afacéndonos a unha vida na derrota formada por relacións desestruturadas, masas solitarias enfermas de anonimato, vidas mediadas por comodidades tecnolóxicas que non nos fan felices e devastación ambiental, caos climático e escaseza, entre guerras por recursos, espellismos e psicofármacos, senón escoitar aos nosos corazóns e asumir que, independentemente dos nosos actos, xa estamos condenadas. Porque neste inmenso campo de exterminio no que transformaron o mundo, Auschwitz está en todas partes. Está nas fronteiras de Lampedusa e Ceuta e na gran fosa común na que se converteu o fondo do Mar Mediterráneo; Está nas prisións, os psiquiátricos e os CIE onde seguen torturando e esnaquizando ás persoas; Está aquí, agora, nas nosas vidas domesticadas, no medo a saírse da liña, a desobedecer.

Nós non cremos que o nihilismo poida ser convertido nunha identidade nin fagocitado en ningún mercadillo ideolóxico, e por iso cremos que non ten sentido definirnos como nihilistas. Entendemos o nihilismo como un camiño máis de tantos que transitamos en diferentes momentos, e como unha ferramenta máis para a análise e a estratexia que nos permite romper con moitos dos lastres que nos atopamos mesmo dentro das nosas loitas e espazos. Aprendemos desas teorías e críticas, algunhas as aplicamos, outras as refugamos. Aínda así, gustaríanos acabar esta introdución citando a Renzo Novatore no seu texto “Cara á Nada creadora”:

“Viñemos a acender sobre a Terra unha selva de fogueiras, para iluminala durante a noite que precede ao gran mediodía. E as nosas fogueiras apagaranse só cando o Sol descubra maxestoso sobre o mar. Se ese día non debese chegar, as nosas fogueiras seguirán crepitando tráxicamente entre as tebras da noite eterna…”