[Nova Edición] Decálogo de preguntas básicas para homes que busquen librarse desta masculinidade

Para ler online/descargar, click aquí.

Machista eu, pero que dis, como vou ser machista…

Esta é a reacción que moitos (Case todos) temos a primeira vez que nos sinalan os nosos privilexios ou o marco de desigualdade patriarcal no que se desenvolven as nosas vidas e relacións. É difícil, e incómodo, escoitar que o teu comportamento agrede, ou que estás a reforzar continuamente un sistema de opresión do que en moitos casos nin sequera es consciente, porque educáronnos para normalizar todas as violencias das que facemos parte, non só co machismo, tamén con outras desigualdades cunha matriz de xénero ou coas desigualdades de clase, raciais, funcionais, etc.

Ademáis, os homes tendemos a entender o machismo como maltratadores que pegan malleiras á muller ou como siniestros encarapuchados que violan rapazas en caleixóns escuros, e aínda que esas situacións por desgraza seguen a ser cotiás (só hai que botar unha ollada ás arrepiantes cifras de feminicidios e agresións sexuais para facerse unha idea), só son a punta do iceberg dun sistema que funciona a nivel estrutural e que contamina todas as esferas, espazos e interaccións que compoñen a nosa contorna. Nada está exento.

Nós pensamos que é importante comezar a facer un traballo por nós mesmos para desfacernos desta masculinidade tóxica e agresiva que nos foi inculcada e avanzar. Somos conscientes de que este é un camiño moi longo, complicado, nós mesmos nos equivocamos, fixemos sentir incómodas a compañeiras e amigas, descoidamos… pensamos que os procesos son lentos, e non pretendemos dar ningunha fórmula máxica nin respostas definitivas. Pola contra, apetécenos máis e parécenos máis interesante plantexar interrogantes. Por iso, neste pequeno fanzine facemos 10 preguntas que pensamos que poden ser un punto de partida útil para aqueles homes que tamén queiran aprender e producir outros xeitos de relacionarse coas outras, de coidar, de ocupar o espazo, de expresarse ou de querer, non só coas mulleres, senón con calquera.

Esta publicación pretende ser unha ferramenta. Cando remates de usala, non a tires, pásalla aos teus amigos, organizade obradoiros, usádea xuntos!