[Nova Edición] “No les fallaremos… Historia y Lucha de Barry Horne”

Para ler online/descargar:

Cuberta

Interior

A intención de escribir e editar o presente texto é dar a coñecer a historia do compañeiro Barry Horne, a 17 anos da súa morte durante unha folga de fame que emprendeu desde prisión para protestar contra o financiamento que o goberno británico daba ás prácticas de vivisección e experimentación con animais doutras especies.

A memoria de Barry Horne foi calumniada polos seus inimigos, polas empresas e persoas que fan negocios coa vida doutras criaturas, traficando co seu sufrimento e lucrándose coa súa explotación. Tamén tentaron recuperala os sectores máis reformistas, que presentárono como un pobre mártir evitando na medida do posible falar sobre as súas accións incendiarias e sobre outros aspectos incómodos do seu activismo.

Nós queremos lembrar a Barry como se merece, como un guerreiro que comprendeu que nun mundo onde as leis e a moralidade dominantes apoian e favorecen a explotación diaria de miles de millóns de individuos cuxo único crime foi non nacer humanos, romper a lei é necesario para enfrontarse a eses explotadores e loitar de verdade por un mundo onde se respecte aos animais (humanos ou non) e á vida salvaxe, e onde as gaiolas non sexan máis que un desagradable recordo.

Lendo sobre as accións de Barry, a súa coraxe e determinación en cada un dos seus xestos, nos seus textos, declaracións e folgas de fame, así como tamén sobre as numerosas expresións de solidariedade combativa xurdidas de grupos de solidaries, sentimos latexar a nosa propia raiba e outros sentimentos que nos alentan a continuar e a cuestionarnos os nosos medos e responsabilidades nesta guerra. Porque non podemos falar doutra cousa que non sexa de guerra cando lembramos que hai tantos animais feitos po en granxas, matadoiros e laboratorios, ou agonizando entre as nosas urbes superpoboadas e os seus hábitats esnaquizados, e tantes des noses entre as reixas das prisións, ouveándolle todes á lúa para poder ser libres outra vez.

Contra unha cultura que esqueceu o significado dun compromiso e que cada vez máis entende a loita contra o especismo como unha moda consumista baseada en compartir receitas en Facebook e facer recensións a produtos “veganos” dos supermercados, queremos recuperar a esencia do movemento lembrando a aquelles que levaron os seus compromisos ata as últimas consecuencias. Porque antiespecismo sempre significará ataque e porque como dixo Tolstoi, “mentres existan matadoiros haberá campos de batalla”.

Esta é unha pequena homenaxe a Barry a 17 anos da súa morte, pero tamén queremos dedicarllo a outres compañeires que perderon a vida ou a liberdade loitando por un mundo sen escraves de ningunha clase. Dedicamos isto a Jill Phipps, que foi atropelada e asasinada durante unha protesta no aeroporto de Coventry (Reino Unido) ao interpoñerse diante dun camión que transportaba animais vivos para ser enviados en avión aos matadoiros de Holanda, e que decidiu non frear; tamén llo dedicamos a Bill Rodgers “Avalon”, activista ecoloxista e antiespecista que foi a prisión por varios actos de sabotaxe contra empresas que destruían os bosques nativos en América do Norte e suicidouse ao non soportar o peche; a Anna Campbell, compañeira de Bristol, anarquista, vegana e feminista saboteadora da caza que morreu asasinada por un bombardeo turco mentres loitaba pola revolución social e polo fin do imperialismo en Afrín (Kurdistán); e dedicámosllo por suposto a todes aqueles irmáns nos cárceres do mundo, a Marius Mason, a Walter Bond, a Joseph Dibee, a tantes outres.

Liberación animal significa ataque.
Por un mundo sen gaiolas!