Para ler/descargar o libelo clickade aquí.
“Por eso hay en mis noches voces en mis huesos, y también visiones de palabras escritas pero que se mueven, combaten, danzan, manan sangre, luego las miro andar con muletas, en harapos, corte de los milagros de a hasta z, alfabeto de miserias, alfabeto de crueldades… La que debió cantar se arque de silencio, mientras en sus dedos se susurra, en su corazón se murmura, en su piel un lamento no cesa.”
-
“Descripción” (Alejandra Pizarnik)
Repasando recentemente este texto, tras varios anos desde a nosa primeira lectura, e comentándoo con persoas afíns ou próximas, decatámonos de que para moitas delas, Beyond Amnesty era un completo descoñecido. Algunhas, simplemente, oíran falar del. Outras nin sequera coñecían a súa existencia. Pode ser que se trate dun cambio xeracional, ou de que a critica da psiquiatría oficial, e a politización da saúde mental desde unha perspectiva de loita e liberación, siga sendo para moitas persoas (cada vez menos, pensamos) unha temática periférica ou un tabú. Ou se cadra non é máis que o resultado de camiños diferentes que non chegaron a cruzarse con esa lectura.
En calquera caso, e considerando ademais que ata o día de hoxe non coñecemos ningunha edición en galego, pensamos que era unha boa idea e unha achega interesante a súa tradución e reedición, buscando tamén con iso reactivar a súa circulación e debate.
Escrito nun estilo a medias entre un diario persoal e un florilexio de datos técnicos e referencias estatísticas, Beyond Amnesty pretende ser unha aproximación á escura conexión entre o inaceptable estilo de vida das sociedades capitalistas posindustriais e a autolesión, e, en xeral, o absoluto deterioro da saúde mental das persoas que habitamos nas urbes dos países occidentais. A través das experiencias da autora, o texto disecciona o trauma, a violencia, e o estado de ansiedade e tensión que a atravesan na rúa, nos movementos sociais, nas accións, e a súa visión da rebelión e a (auto)destrución como derradeira escapatoria perante o que describe como “unha sensación política e emocional de estar sitiada, de estar baixo ocupación”.
Avisamos ás lectoras: Beyond Amnesty é un texto que consideramos fundamental e único, pero tamén moi duro, e narra vivencias que poden resultar perturbadoras ou afectar ás persoas receptoras. Son historias que pensamos que deben coñecerse precisamente polo seu potencial para conmover, sacudir e doer, e valoramos o exercizo de empatía ou a curiosidade que te levaron a ter este libriño diante de ti, pero aconsellamos ler con cautela.
Ás que quixeron loitar pero non puideron atopar as forzas.
Ás que loitaron pero perderon, e agora bérranlle ao baleiro pechadas con chave nas soidades insonorizadas da normalidade burguesa.
Ás que agochan cicatrices, e ás que fan das súas cicatrices trincheiras na guerra contra a mercadoría.
A todas elas…