Xornada sobre Saúde Mental e Revolta

Convidámosvos a todes o próximo 10 de xaneiro a partir das 20:00 a unha Xornada sobre Saúde Mental e Revolta no CSA A Cova dos Ratos (C/ Romil 3, baixo, Vigo). Pretendemos que sexa un espazo seguro dende onde reflexionar acerca das nosas cabezas e saúde, as agresións que as atravesan e enferman, e sobre como podemos defendernos, ou tecer redes, para facerlle fronte ao sufrimento que supón a vida nun mundo cuxo núcleo é a dominación, a violencia e a ganancia a través do sufrimento doutras.

As actividades propostas son as seguintes:

– Proxección: “Mundos Tolos”

Mad Worlds” (Mundos Tolos) é un documental realizado polo colectivo audiovisual anarquista Sub.Media e que trata a cuestión da saúde mental dende unha perspectiva anticapitalista e interseccional, que contempla como factores da súa degradación as opresións de clase, raza, xénero… que nos atravesan, propoñendo traballar os nosos coidados en paralelo á resistencia como vía de supervivencia e de defensa contra un sistema que nos esnaquiza.

– Presentación da edición en galego de “Beyond Amnesty” (a cargo do tradutor e editor)

Beyond Amnesty” (Máis aló da amnistía) é un texto dunha rapaza anónima que, escrito cun estilo a medias entre un diario persoal e unha escolma de datos estatísticos e clínicos, analiza, dende a súa experiencia como muller anarquista psiquiatrizada no Reino Unido, a cuestión da autolesión e da degradación da saúde mental nas persoas que habitamos as urbes “primermundistas”.

Despois, haberá debates ou oportunidades para conversar. Agardamos vervos a todes alí!