Deixamos a nosa última edición, unha traducción do texto «Animal Bodies, Colonial Subjects: (Re)Locating Animality in Decolonial Thought» de Billy Ray Belcourt. Para ler ou descargar o libriño, clickade aquí.
::
Antes de nada, parécenos importante aclarar dúas cousas:
A primeira, que quen traduce e edita este texto somos persoas brancas que nacemos e vivimos en Europa. Sabemos que partimos de posicións de privilexio con respecto ao autor, e que non temos conexión algunha coa experiencia de ser parte dun pobo ou cultura colonizados. Por iso, non é a nosa intención ocupar un espazo que non nos corresponde, nin tampouco roubar voces indíxenas para usalas de coartada, senón simplemente aproveitar os nosos medios para tratar de amplificar, no posible, esas voces, para que sexan elas as que conten a súa historia.
A segunda, que este texto sae da Academia, en concreto da Universidade de Alberta (Isla Tartaruga, actualmente chamado “Canadá”). Isto xerou algúns debates entre nós sobre se editalo ou non, xa que consideramos que esta non é unha característica neutra, porque pensamos que a Academia é per-se patriarcal, colonialista, racista e clasista. Non pensamos que a súa produción de teoría e discurso poida (nin deba) separarse das estruturas do sistema ao que pertencen as devanditas institucións. Con todo, tamén cremos que, a pesar de todo, de aí saíron e continúan saíndo reflexións e achegas moi interesantes e útiles para diferentes loitas, e ás veces a súa orixe universitaria non nos parece un motivo para non contribuír á súa difusión. Aínda así, queremos facer esta reflexión porque nos cansa un pouco a pedante palabrería técnica que adoita impregnar estes textos.
A intención de traducir e publicar este e outros textos de temática análoga xorde da procura de formas de enfocar o antiespecismo que non partan do discurso eurocéntrico e privilexiado.
Estamos bastante canses do animalismo liberal e das principais correntes do denominado “movemento polos dereitos dos animais”, que non cuestionan as estruturas sociais, económicas e políticas nas que se desenvolve a súa proxectualidade e limitan a súa acción a pintar de verde ou a colocarlle un certificado de “Vegano” ao mesmo sistema capitalista que devasta a terra, coloniza, obriga a emigrar, persegue, tortura, encerra e asasina a millóns de persoas. Tampouco nos interesa seguir lendo os mesmos textos autorreferenciais, que nos pintan como unha especie de elite moral por ser cidadaniños brancos das metrópoles occidentais que levan un “estilo de vida vegano”. Queremos textos que nos interpelen, que nos sinalen, que ataquen os nosos privilexios. Queremos axudar a derrubar a dominación, sobre os nosos corpos pero tamén sobre os de outres. Porque non podemos falar de liberación animal esquecendo que os humanos tamén somos animais que merecen ser libres.