Para descargar en PDF para imprimir click enriba das imaxes dos carteis.
Compartimos este deseño para carteis que fixemos con motivo da situación de merda que estamos a vivir.
A nosa intención con eles non é só plantexar a necesidade de dar respostas aquí e agora a este escenario tan insólito no que nos atopamos (xa sexa vulnerándoo puntualmente e con precaución para atacar a domesticación e as medidas de estrangulamiento social e económico ou de militarización e policialización da vida e da rúa que están a introducir coa escusa do virus ou aproveitándoo para tecer redes de apoio mutuo, solidariedade e coidados entre veciñes ou grupos que estean activos no noso barrio ou cidade) senón tamén, e sobre todo, animar a permanecer alerta. A corentena pasará, aos poucos irán reducindo (aparentemente) o seu control e pretenderán que creamos que voltamos «á normalidade», que xa «estamos como antes». Para nós non existe ningún «antes» ao que pague a pena voltar. Por iso, cando isto remate cremos que será urxente atoparnos, falar, apertarnos por moito que o desaconsellen e conspirar, plantexarnos en serio que respostas colectivas podemos dar para evitar ser os pringaos a quen lles pasen a factura, outra vez, dos pratos rotos deste sistema no seu enésimo desastre. En Francia os asasinatos policiais tiveron resposta xa nas últimas noites con ataques a comisarías e enfrontamentos coa policía primeiro nas periferias parisinas e logo noutras cidades como Toulouse, Villefontaine ou Saint-Denis. En Italia as sabotaxes descentralizadas e os saqueos esténdense tamén. En Chile segue habendo quen, coas medidas oportunas, tamén saíron para evitar que o conseguido nestes meses de revolta non se perda na amnesia confinada e manter vivo o espírito da Praza Dignidade. En Bélxica tamén estalaron os disturbios tras o asasinato dun rapaz de 19 anos a mans da policía e hai centos de persoas detidas. En Grecia tampouco pararon os ataques, bancos incendiados e escuadróns policiais golpeados en Tesalónica, Atenas, Patras. En Portugal molotovs contra o Parlamento en Lisboa. En Madrid sabotaxes a inmobiliarias e outras accións… e isto por non falar da folga de alugueiros que se leva a cabo internacionalmente ou as protestas nos cárceres e nos CIE do estado español e do mundo. Nós só pensamos que non ten sentido agardar.
Non queremos animar a ninguén a actuar de forma imprudente coa súa propia saúde ou coa das demais, evidentemente entendemos tamén certa responsabilidade social fronte ao virus e as medidas (de sentido común máis que de «seguridade») que cremos que deberían conlevar dado sobre todo o contexto co sistema sanitario e outros servizos. Só expomos outros posibles xeitos de atravesar esta situación.
Non nos dá medo a crise porque asumimos que levamos nela desde que nacemos. Forcemos as gretas…