Presentación de «La Noche del Diablo» no CSA do Sar (Compostela)

31 de outubro, co gallo da festividade de Samhaín, estaremos no CSA do Sar aka Casa do Peixe, en Compostela, presentando a nosa edición do libelo «La Noche del Diablo: El espíritu ingobernable de Halloween», que traducimos do inglés por estas mesmas datas hai 3 anos e que podedes descargar de balde e cotillear clickando aquí. Falaremos das orixes desta feira, de festas paganas que celebran a comunidade e a abundancia, de meigas, de disturbios e de intervalos liminais onde as nenas salvaxes saen da escuridade para cuspir ás estatuas, e do contido e potencial subversivo que podemos aproveitar de toda esa historia.

De onde vén Halloween? Por que un conxunto de rituais paganos transformouse nunha moda máis da sociedade de consumo? Por que tantas veces, grupos de rapaces e xóvenes sen unha militancia política particular, aproveitaron Halloween para desfrutar profanando o sono tranquilo dos «bós cidadáns», atacar a propiedade e burlarse dos adultos, da policía, dos profesores e dos políticos? Que relación garda a recuperación de Halloween e Samhaín coa persecución á disidencia, as queimas de bruxas ou os procesos colonialistas? Cremos que é importante mergullar no pasado, revisar unha e outra vez de onde vén a cultura que nos foi ensinada, e profanala, atentando unha e outra vez contra o silencio que a neutraliza. No caso de Halloween, unha festividade con tanto potencial e contido rebelde e que tantas veces tentaron aniquilar, silenciar ou domesticar, o exercizo parécenos especialmente interesante.

Agardamos vervos alí ❤️