Nova edición: «Memories of Freedom» (Memorias de Liberdade) pola Western Wildlife Unit

Ola, compas!

Presentámosvos a nosa edición do texto «Memorias de Libertad», da Western Wildlife Unit do Frente de Liberación Animal, a cal fixemos recentemente, despois de notar unha ausencia deste texto nos principais circuítos de difusión de propaganda antiautoritaria ou transversal polo menos á perspectiva anarquista da práctica da acción directa clandestina pola liberación total.

Correximos algunhas grallas ortográficas e maquetamos o texto engadindo imaxes para tentar amenizar a lectura. Polo demáis, nin o texto nin a súa traducción ao castelán son cousa nosa, e queremos agradecer o seu traballo ás individualidades anónimas que no seu día encargáronse de traducilo. Sen máis, deixámosvos coa introducción ao fanzine, que serve tamén coma presentación:

Sentídevos libres de descargar e difundir libremente o material (podedes atopalo na sección «Edicións Propias» do blogue):

Para nós, Memorias de Liberdade é un texto fundamental, non só á hora de dar a coñecer unha experiencia de loita duradeira e polimórfica contra unha gran industria da explotación animal, permitíndonos saber cales foron os pasos, decisiósn e cálculos que levaron a un sinxelo grupo afín de activistas sen grandes medios ao seu alcance a conseguir o seu obxectivo de poñer contra as cordas á industria peleteira estadounidense e de dinamitar toda a súa base por diferentes lfancos (destruir investigacións útiles para os seus negocios, minar a súa financiación e respaldo mediático e publicitario…), logrando afundir gran parte das súas estructuras máis importantes, e deixando as restantes seriamente dañadas. Tamén é un texto esencial a nivel emocional e persoal, pola paixón e forza que, polo menos a nós, nos transmite.

Antes de nada, queremos deixar claro que a nós tamén nos frena o medo á represión, e a súa sombra reclúenos con frecuencia na nosa zona de confort e excusas. Entendemos que é o máis normal, e que o extrano sería non ter medo cando todo un arsenal de leis en constante renovación xunto a tecnoloxías de vixiancia, prisións e escuadróns policiais especializados protexen as estructuras dos explotadores aos que pretendemos enfrontarnos. Por iso, non quixéramos perdernos en retóricas incendiarias do máis emocionante pero sin reflexo na realidade cotiá de calquera de nós, nin tampouco crecernos con discursos ideoloxizados impregnados dos nocivos clichés da cultura militante, cos que tentar parecer algo que non somos, alimentando unhas formas baseadas na apariencia que consideramos perxudiciais e indesexables. Non obstante, para as persoas que editamos este libriño, poder ler sobre estas vivencias da man das persoas que levaron a cabo as accións narradas (nalgúns casos pagando cara a súa ousadía, con varios anos de cárcere, persecucións e criminalización) supuso no seu día un empurrón á nosa forza de vontade e un respiro que revitalizou a nosa raiba, e afastounos do denso e constrictivo ambiente do activismo dentro de organizacións de masas que, a miúdo, tenden a priorizar a procura dunha condescendente palmadiña nas costas en forma de aprobación do público por enriba da auténtica capacidade dos seus actos e campañas para dañar o único que os explotadores valoran realmente: Os seus beneficios.

Sen querer xulgar nin establecer prioridades duns métodos sobre outros, e sabendo que cada persoa implícase no tipo de accións que quere ou que pode, e partindo da base de que o máis acertado, dende o noso punto de vista, sería construir unha práctica colectiva onde todas podamos aportar sen pisar a outras compañeiras nin crear xerarquías absurdas en función de «quen a xogou máis», parécenos que a teoría precisa seguir dando paso á práctica, e que reflexionando a acción e as nosas capacidades reais de xeito colectivo, medimos mellor as consecuencias, enfrontamos os medos e preparámonos tamén a nivel psicolóxico para asumir o noso propio papel en compromisos maiores que máis que opcionales, parécennos urxentes. Porque mentras nós estamos cómodas e quentiñas na casa escribindo isto, e maquetando e editando este material, nas gaiolas de criadeiros, granxas e laboratorios seguen engaioladas criaturas condenadas ao máis atroz dos destinos, e iso destrózanos, como nos destroza a impotencia. Por iso, agardamos que coñecer o valor e a determinación da Western Wildlife Unit axúdenos a todas neste proceso de plantexarnos en serio que podemos facer.

O texto que presentamos aquí xa fora editado anteriormente por outros colectivos e individualidades antiespecistas afíns ás estratexias e métodos de acción directa ilegal empregados pola Fronte de Liberación Animal en EE.UU. e no resto do mundo tales coma a sabotaxe, as liberacións e rescates de animais ou os ataques incendiarios. Nós recollímolo do libro «Encendiendo la llama del ecologismo revolucionario», que o inclúe. Non obstante, levábamos un tempo sen ver este texto movéndose polos círculos antiautoritarios, e ese é o motivo de que decidísemos reeditalo, correxindo de paso algunhas grallas ortográficas. Agardamos que esta nova edición cumpla o seu cometido de reiniciar o fluxo de circulación do texto, e que a súa lectura motive novos debates e estimule novas accións. Porque coma dixo Bertolt Brecht:

«As nosas derrotas só demostran que todavía somos demasiado poucas loitando contra a infamia, e dos nosos espectadores agardamos que, como mínimo, se avergoñen»

Para ler online/descargar:

– Portada
Corpo

Portada blogs

Nova edición: «Querer la libertad: De fugas y otras negaciones no-humanas del encierro»

Presentamos a nosa nova edición titulada «Querer la libertad: De fugas y otras negaciones no-humanas del encierro». Trátase dun fanzine que recolle o último capítulo dun traballo máis amplo titulado “Nese sitio maldito onde reina a tristura… – Reflexións sobre os cárceres para humanos e non-humanos”, editado no seu día pola Asemblea Antiespecista de Madrid e a posteriori reeditado por OchoDosCuatro Ediciones, da mesma cidade.

No fragmento que escollemos reproducir e difundir, trátanse aquelas reaccións adversas ao encerro e o cativerio que estiveron protagonizadas por animais doutras especies, que nun último alento atacaron aos seus captores, sabotaron deliberadamente as trampas de caza, ou colaboraron entre si para fuxir de zoolóxicos e outras prisións.

É a historia das outras fugas, as outras negacións deste triste mundo de gaiolas e miseria, onde uns/unhas encerran outrxs, e en tan absurda escala de xerarquía se consolidan os valores da dominación.

Deixámosvos a introdución do fanzine, non sen antes agradecer especialmente a xs compañeirxs de OchoDosCuatro Ediciones e da Asemblea Antiespecista de Madrid o traballo realizado na difusión do antiespecismo e das loitas contra a dominación.

A miúdo, aínda que con moita menos frecuencia da que nos gustaría, escoitamos ou lemos noticias de presos e presas que se rebelan, que atacan os seus carcereiros e foxen, ou arman motíns e organízanse para responder ás agresións das que son obxecto cotiamente por parte das institucións penitenciarias e os seus encargados. Para nós, eses feitos representan moito máis que o acto concreto no que esa persoa decide empuñar a súa rabia para plantar cara aos seus captores. Son un reflexo dunhas emocións e uns sentimentos fermosos de amor á liberdade, de rexeitamento a todo aquilo que a nega ou ameaza, ata o punto de arriscar a vida ou a integridade nunha última ousadía ao baleiro para intentar conquistala.

Non obstante, cando falamos de animais doutras especies que desexan e perseguen a súa liberdade, a moitas persoas (movidas por unha moral especista) parécelles que esaxeramos, e que esas criaturas só actúan movidas por un instinto, e a súa determinación e a súa resistencia ao encerro perden valor, quedando en meras “reaccións inconscientes”. Por iso, cando o outro día lía por enriba, de novo, o libro “Nese sitio maldito onde reina a tristura… Reflexións sobre os cárceres de animais humanos e non-humanos” (OchoDosCuatro Ediciones, Madrid) en busca dun par de citas e algúns datos que necesitaba, me reencontrei con esta parte, e se me ocorreu transcribila para difundila por Internet. Tras isto, xurdiu a idea de editar un fanzine con ese texto.

Esta é a fermosa historia das outras fugas, a historia das outras resistencias, a vinganza protagonizada polxs eternxs esquecidxs, invisibilizadxs e silenciadxs, xs animais non-humanxs, e que demostran que máis alá do automatismo instintivo ao que se adoitan atribuír, tras estes desafíos se encontra o mesmo desexo de liberdade que motivou e segue motivando moitxs presxs humanxs a poñelo todo en xogo por outra bafarada máis de aire, lonxe da asfixia…

Para ler online/descargar:

– Portada
– Corpo

querer libertad

Algunhas explicacións necesarias sobre o parón no noso proxecto e o seu futuro.

Boas a todas, todos, todes e demáis identidades non hexemónicas!

Escribimos isto porque levamos unha boa tempada sen montar o noso posto nas inmediacións da Praza da Ferrería, e cremos que é hora de explicarnos esa repentina desaparición, esa pausa tan prolongada que por unha serie de motivos vímonos obrigadas a facer no noso actuar dentro deste colectivo.

Consideramos que nestes meses no que o noso proxecto funcionou (ou polo menos, mantivo a súa actividade, con máis ou menos aceptación e interese por parte da xente), foron moitos os erros. Días nos que máis por comodidade que por razóns reáis, ou falta de tempo, non montábamos o posto (cando din que máis vale tarde que nunca, teñen razón), momentos nos que non tomábamos en serio o noso traballo, ou antepoñíamos plans persoais baseados no esparcimento e o ocio ao noso compromiso para con a devandita Distribuidora… Somos conscientes de que puidemos ter posto máis empeño, e de que a Distri podería ter dado mellores resultados. Alén, tamén queremos reparar no feito de que estas últimas semanas, ou meses, o noso proxecto sufriu unha serie de inconvenientes imprevistos, que nos gustaría explicar, e que leváronnos a cuestionarnos a posibilidade de continuar con él:

Por un lado, dicir que fai uns meses sufrimos un roubo durante unhas xornadas de solidariedade cun colectivo libertario co cal mantemos unha forte afinidade. Non especificaremos cal, porque aínda que estamos seguras de que ese roubo non viu de parte de ningunha das persoas que traballan nese proxecto, cremos que mencionar o colectivo en concreto podería perxudicalo, ou dar lugar a malentendidos. Estamos seguras de que este colectivo non tivo nada que ver no ocurrido, e queremos deixar isto claro. Alén, nese vergoñento suceso perdimos o bote dos cartos, onde gardamos todo o diñeiro do que dispoñemos para fotocopias, adquisición de novo material, impresión de cartaces e panfletos cos que difundir e promocionar o noso proxecto etc. Este feito minou seriamente a nosa capacidade, xa que acabábamos, de feito, de realizar unha inversión, non puidendo realizar outra inmediatamente despois do roubo (somos estudiantes, e non temos poder adquisitivo dabondo). Queremos remarcar o triste que nos parece que alguén sexa quen de acudir a un centro social onde se están a celebrar unhas xornadas anarquistas, para roubarlle a un colectivo que funciona dende o principio coa autoxestión e o esforzo de quenes o compoñen, que nunca buscou (nin buscará) lucrarse a costa da propaganda que difunde, e que un reducido grupo de persoas de escasa solvencia poñemos en marcha con cartos dos nosos propios petos. Non condenamos a expropiación nin moito menos, pero pensamos que dita actividade, máis alá das leis e códigos moráis desta sociedade (que non validamos nin compartimos en absoluto), debe limitarse a quenes explotan e aproveitan o traballo e esforzo alleos, a quenes convirten a seres humanos ou animáis non-humanos en mercadorías, e a quenes trafican cos nosos desexos, tempo e forza de traballo a cambio dun salario miserable. Quen é quen de roubarlle a un colectivo antiautoritario e autoxestionado, ten a mesma mentalidade que aqueles que odiamos e despreciamos.

Alén dos problemas económicos que atravesou o proxecto a raíz disto, tamén se deron certos debates no seo do colectivo que conduciron a algunhas persoas a afastarse ou a pasar a unha posición secundaria dende onde colaborar sen tomar parte no grupo directamente. Pese a que dentro do grupo existen discrepancias sobre a validez das motivacións de dito afastamento, e outras cuestións que afectaron a estas decisións, coma colectivo respectamos totalmente esta elección e seguimos mantendo afinidade e boa relación con estas persoas, pero isto, sumado a que outros membros do colectivo da distri marchan vivir este ano a outra cidade por razóns de estudos, fixo que apenas fiquen membros en Pontevedra, que poidan seguir montando a distri na rúa coa periodicidade de antes, sendo éste o segundo dos inconvenientes que nos impediron continuar avanzando co proxecto especialmente nos meses do verán.

Non pretendemos excusarnos, senón explicar por que de repente deixamos de lado a nosa actividade coma colectivo anarquista de difusión autoxestionada e anticomercial de material a pé de rúa.

Por último, quixéramos salientar que nos meses nos que proxecto funcionou, vimos e coñecimos caras novas, tivemos debates entre nós e con outras persoas, difundimos materiáis a todo tipo de persoas (algunhas das cales, sendo sinceiras, nunca teríamos imaxinado que se interesarían nuns libelos, fanzines e panfletos coma os nosos!), dimos palestras en centros sociais e ateneos, acudimos a encontros de distris e editoriais onde intercambiamos materiais e tecimos lazos moi importantes con outros proxectos semellantes doutras partes da Península Ibérica, e sobre todo, divertímonos e creímos firmemente no que facíamos e na súa potencialidade. Agradecemos e valoramos todo isto coma o noso mellor tesouro, pois nada nos satisface máis que saber que da nada materializamos un proxecto coma o noso e logramos que funcionara (cos seus acertos e miserias) durante bastante tempo, fortalecendo afinidades, e tamén agrietando as rupturas e tensando os desacordos. «Somos o que facemos para mudar o que somos», dixo Eduardo Galeano. Por iso, agora atopámonos nun momento de impase, un parón momentáneo ou, se cadra, definitivo (agardemos que non, por favor!), pero que agardamos que nos sirva para evoluír persoal e colectivamente, e máis alá do eido político; agardamos mellorar, medrar, e seguir soñando que as palabras e os textos dan paso por fin á acción, á desobediencia, á praxe revolucionaria que tumbe os pilares da inmovilidade, do medo e da monotonía, e avance cara procesos auto-organizativos autónomos cos que tentar superar as contradiccións do sistema e atacar o seu esnaquizado corazón de óxido, cemento e bágoas con todas as nosas forzas, con todas esas enerxías que nos rouban con traballos alienantes, rutinas absurdas e burocracia.

Isto non é un adeus. Agardamos atopar momentos nos que poder reunirnos, poñer sobre a mesa estas e outras cuestións que precisan ser discutidas e consensuadas, e volvernos poñer en funcionamento. Pedimos simplemente comprensión e paciencia. Volverémonos ver… Ao mesmo tempo, por suposto, O NOSO PROXECTO SEGUE EN MARCHA INFORMALMENTE, co cal, se algunha de vós atopa algún material no catálogo deste blogue que lle parezca interesante e quere consultalo, QUE NOS ESCRIBA A DISTRIPOLARIS-@-RISEUP.NET e poñerémonos en contacto para facilitarlle o material solicitado. O único que agora mesmo non podemos montar o noso posto na rúa, por falta dos medios e das persoas necesarias, pero SEGUIMOS EN ACTIVO por e-mail e de xeito informal.

Ata entón, grazas por todo este tempo ao noso carón, a todas as que algunha vez pasáchedes polo noso posto, e leváchedes algún fanzine ou libelo, ou simplemente preguntáchedes con interese, ou botáchedes unha ollada curiosa, ou mesmo a quenes nos criticáchedes constructivamente. A todas vos, de verdade, GRAZAS. A quenes actuaron de xeito destructivo, a quenes tentaron silenciarnos ou interrumpir o noso traballo, á policía local de Pontevedra, aos vellos fascistas resentidos e a todas as que nos miráchedes con aires de superioridade ou consideráchedes o noso traballo unha perda de tempo, dicirvos que polo menos o noso tempo nos pertence, e que tamén queremos darvos as grazas, xa que sen a vosa «contribución» a nosa raiba perdería forza.

Agardamos ter aclarado, aínda que sexa pormenorizadamente, o noso parón destes meses. Ata a próxima, compañeiras!

Distribuidora Anarquista Polaris.
– proxecto antiautoritario e autoxestionado de difusión de material escrito –
Pontevedra – Postrimerías do verán do 2015

Presentación do noso proxecto no CSOA Quinta da Carminha, Vigo

O próximo venres 27 de febreiro, ás 20:00, estaremos no Centro Social Okupado e Autoxestionado Quinta da Carminha (Rúa do Carme nº 1, Vigo) para presentar o noso proxecto.

Darase unha palestra na que se presentará o proxecto, introducindo o seu funcionamento e percorrido ata a data, e os seus criterios e bases. Acto seguido, presentaranse os fanzines «Manifiesto Antiadultista», «¿Quién dijo que el holocausto había terminado? Un intento de trazar paralelismos entre la maquinaria asesina nazi y las industrias de explotación animal» e «Género, identidad, deseo, Patriarcado, heteronorma y represión» editados polo noso colectivo e disponibles na sección de «Edicións propias» deste blog para a súa descarga gratuita. Para rematar, haberá un debate-coloquio sobre a distribución anticomercial e os seus dilemas, e no caso de que alguén teña dúbidas, unha turna de preguntas.

Vémonos alí!

Comunicado do noso colectivo en apoio ás detidas de Coia

Dende a Distribuidora Anarquista Polaris, proxecto de difusión e distribución de fanzines e textos antagonistas a pé de rúa na cidade de Pontevedra, gustaríanos figurar na lista de colectivos que suscriben e asinan o comunicado de apoio ás detidas pola loita contra as políticas especulativas e o urbanismo antipersoa desenvoltos polo Exctmo. Alcalde da cidade de Vigo.

Coma anarquistas, compartimos a vosa loita e recoñecémonos nela, considerando que, unha vez máis, venden obras ridículas, «buques de necios», en palabras de Ted Kaczynski, que navegan rotondas, e outras envases e imaxes baleiras fabricadas dentro do macroespectáculo publicitario do urbanismo moderno, para que continúe o latrocinio consistorial sen que ninguén se pregunte como se suprimen ou recortan os dereitos e o benestar da maioría amontonada nos barrios doentes de precariedade e fame, para que os cartos rematen nos caprichiños dos mesmos chupópteros noxentos de sempre.

Dicía Raoul Vaneigem que cando a necesidade é soñada socialmente, soñar faise necesario. Sobre esa necesidade e soño común poden confluir as loitas, facendo das reivindicacións parciais contra a degradación constante das nosas xa de por sí devaluadas condicións de vida, un simple tramo nun longo camiño que continua, e que conduce á revolta que, finalmente, tome por asalto a factoría social e sobre os seus escombros constrúa en comunidade todas as maravillas.

Solidariedade coas e cos detidos e detidas!

Se sementan miseria, colleitarán raiba!

A loita é o único camiño!!

Distribuidora Anarquista Polaris

Comunicado da Distribuidora Anarquista Polaris acerca da Op. Pandora

«As dificultades que poñen fannos máis fortes, perante as adversidades coñecémonos máis e canto mais aprendemos a coñecernos, máis rimos do que creíamos insuperable. Se decidimos enfrontarnos ó Estado é porque fai moito tempo decidimos deixar de vivir axeonlladas/os»

– Francisco Solar

O 16 de decembro, fai xa un par de semanas, centenares de axentes de distintos corpos policiais levaban a cabo, de madrugada, varias redadas simultáneas en domicilios de compañeiros e compañeiras, locais anarquistas e centros sociais okupados das cidades de Barcelona, Manresa, Sabadell e Madrid, efectuándose finalmente 11 detencións. A prensa acompañaba dende o primeiro momento, vomitando as súas mentiras e esaxeracións sobre as/os nosas/os compañeiras/os, e orquestando toda a montaxe. Falábase, de xeito bastante confuso, de acusacións de pertenza a unha presunta «organización con finalidade terrorista de carácter anarquista violento», á que fan responsable de varias sabotaxes contra caixeiros automáticos en sucursais de entidades bancarias.

Sen máis probas que uns cadernos, o feito de utilizar un servidor anticapitalista coma Rise Up para o seu correo electrónico (algo que nós tamén usamos, somos terroristas?) ou algúns libros, estas/os compañeiras/os son levadas/os a dependencias policiais, e pasan a disposición xudicial dous días despois, cando 7 de elas/es son enviadas/os a prisión preventiva e separadas/os en distintas prisións do Estado español, mentras as/os 4 restantes son postas/os en «liberdade» baixo medidas restrictivas coma a obriga de fixar un domicilio ou de comparecer semanalmente na comisaría.

Nós non imos caer tan baixo de falar nos termos que nos impoñen os amos. Temos visto esta clase de montaxes represivos antes en Italia (o infame Proceso Marini ou as máis recentes operacións coma a Op. Ousadía, Comelumes, Ixodidae… contra distintos entornos anarquistas), Chile (Operación Salamandra, máis coñecida coma Caso Bombas) ou aquí mesmo no Estado español. Non nos importa se son culpables ou inocentes dos cargos que se lles imputan, e é máis, se son culpables apoiarémolos con aínda máis forza! Non obstante, non podemos negar que, ata agora, a única «razón» que parece existir para este novo golpe represivo non é outra que as ideas anarquistas que profesan as/os nosas/os compañeiras/os, o seu actuar consecuente coas mesmas e a súa solidariedade incondicional con outras/os anarquistas encarceladas/os.

Queremos reflexionar brevemente sobre a acusación que recae sobre elas/es. Fálannos dunha «organización con finalidade terrorista de carácter anarquista violento». Ben.

Terrorismo é o uso sistemático do medo coma instrumento de presión ou coerción a fin de forzar á poboación a simpatizar ou apoiar unha determinada causa, sexa política, relixiosa ou doutra índole. Segundo esta definición, terrorista é o Estado que usa a súa policía e os seus mercenarios para botar das súas casas a familias sen recursos, para perseguir, acosar e encerrar en CIE a persoas migrantes por non ter papeis, ou para asesinalas e torturalas nas fronteiras europeas, ou para engaiolar a quenes lle plantan cara. Terroristas son os bancos, que ameazan con embargos, que chantaxean e estafan con total impunidade, mentras os talegos énchense de pobres. Terroristas son os xuíces, fiscais e demáis leguleios sen escrúpulos, que aplican unhas leis a todas luces inxustas e pretenden darnos leccións. Terroristas son os exércitos da OTAN, ós que o noso Estado tamén patrocina, e que bombardean cidades enteiras para o xenocidio humanitario da Democracia occidental. Terrorista é o fascismo, que aupado polo Estado e os poderes fácticos, rexorde disfrazado en toda Europa para volver a alimentar a xenofobia, a homofobia, o Patriarcado e outras formas de discriminación, e tratar de conter as revoltas e levantamentos que afloran en resposta a un sistema que, enfermo terminal, semella decidido a arrastrarnos con él ó abismo.

O Estado posúe o monopolio da violencia, e calqueira resposta a éste que se salga dos inofensivos parámetros da `protesta pacífica e institucionalizada, é automáticamente sinalada, criminalizada e perseguida. Día a día, deste mundo derivanse grandes doses de violencia, necesarias para manter a orde e estabilizar a economía, e non renunciaremos ó noso dereito natural a defendernos e atacar primeiro a todo aquilo que mantén aquilo que nos rouba a vida.

Chámannos violentas/os, pero romper escaparates de oficinas estatais, multinacionais e bancos, sabotear caixeiros e outras máquinas e infraestructuras, bloquear con lume as arterias das cidades, as autoestradas, as vías do tren etc. para interrumpir o «fluxo sanguíneo» de traballadoras/es, consumidoras/es e mercadorías que permite seguir latexando ó destrozado corazón deste sistema asasino, atacar ós despreciables seres que decidiron adicar as súas tristes vidas a protexer a propiedade privada e a desigualdade dela derivada, non é violencia. É xustiza, un asomo de empatía, cando a apatía e a indiferencia son máis violentas que calquer protesta.

Como dixemos antes, non deixaremos ó Capital infiltrase na nosa linguaxe. Nin somos pacifistas, nin somos benpensantes cidadás/áns entusiasmadas/os con reformar esta sociedade. Somos anarquistas, odiamos ó Estado, ó Capital e ás súas institucións, representantes, defensores e falsos críticos, e posicionámonos do lado de quenes loitan, con todos os medios posibles e dentro das súas posibilidades, por rematar coa Dominación en todas as súas formas, e avanzan, co corazón no puño, cara a terra dos desexos imposibles e as insurreccións durmintes.

Porque sabemos que se avecinan tempos difíciles. Reformas lexislativas e novas tecnoloxías de control social así o atestiguan. Non obstante, a raiba medra e, en paralelo, morre o noso medo, mentras a forza e convicción das/os nosas/os compañeiras/os empúrrannos e fannos ir máis alá, facendo da solidariedade unha declaración de principios.

Solidariedade coas/os detidas/os da Operación Pandora!
Solidariedade con Mónica Caballero e Francisco Solar, presas/os dende fai más dun ano e acusadas/os dos ataques do Comando Mateo Morral!
Pola extensión da revolta e as negacións!
Raiba e Conciencia!

Distribuidora Anarquista Polaris

Edicións propias disponibles en PDF

Decidimos liberar os arquivos dos materiais que ata agora levamos publicados coma colectivo editorial. Para descargar ou ler online, e que cada quen poida tamén imprimilos na súa casa se non estamos ó seu alcance ou non pode pasarse polo posto.

Podedes atopar este apartado facendo click aquí ou pinchando na barra superior onde dí «edicións propias».

fanzines-lea-440x350

Benvidxs!

Benvidxs ó noso blogue.

Somos a Distribuidora Anarquista Polaris, un proxecto pontevedrés de distribución anticomercial de fanzines, panfletos e outros materiais que consideramos afíns ou transversais á loita antiautoritaria da que formamos parte e na que medramos e nos desenvolvemos diariamente.

Apreciamos a labor contrainformativa e de feito algunhas de nós participamos na mesma, pero queremos deixar claro que isto non é un espazo contrainformativo nin tampouco un lugar para o debate. O noso espazo real é a rúa, onde cremos que deben atoparse os nosos desexos e organizarse as nosas conspiracións, fora de entornos virtuáis que neste caso tan só empregamos coma unha ferramenta de difusión e contacto. Para nós, é de vital importancia ter un espazo físico onde poder achegar os nosos materiais e inquedanzas a todas aquelas persoas que, pensamos, poden compartir eses sentimentos e andar na procura, coma nós, das ferramentas necesarias para construir un pensamento crítico, libre e rebelde capaz de subvertir os enfermizos parámetros deste mundo sen sentido. Por iso, periódicamente montamos un posto na rúa onde distribuímos os materiais e onde tamén nos gustaría que compartísedes opinións, críticas ó noso proxecto e outras cuestións, medrando xuntas mediante o debate constructivo e a creación dunhas relacións baseadas no apoio mutuo e a sinceridade.

Para máis información, consulta os apartados de «Quenes somos?» e «Onde e cando podedes atoparnos?».

Vémonos na rúa!

Distribuidora Anarquista Polaris.

Cuervo símbolo