Xornada pola Defensa da Natureza e dos Espazos de Vida (20 xaneiro)

Cando falamos de defensa do territorio, sentimos moitas veces que falamos en abstracto, como se nunca rematase de se concretar cales son realmente as formas nas que tomamos parte nesa resistencia (e ofensiva) contra o mal chamado «progreso» (no que o único que progresa son as estruturas de dominación da economía privada sobre a vida e as necesidades coletivas). Pero alén da impotencia e os seus enganos, agora mesmo están a darse por todo o mundo diferentes loitas pola defensa dos espazos comúns, da vida libre e da natureza salvaxe, contra un monstro omnicida que avanza arrasando bosques, montañas, fogares e memoria. Dende os bosques de Atlanta, na terra roubada hoxe chamada «Estados Unidos», ata Hambach e Lützerath en Renania Occidental, Alemaña, pasando por Sainte-Soline, Bouc-del-air, ou Bure e Bar le Duc en Francia, Covas de Barroso en Portugal, ou aquí, no rural galego, onde a xente de Terra de Montes está a organizarse contra as eólicas. Para achegarnos a esas loitas e debater entre iguais como podemos implicarnos, axudar, e cales son as nosas responsabilidades cando falamos de ecoloxía revolucionaria, organizamos esta xornadiña o venres que vén, á que estades todes máis que convidades.

Queremos coñecernos cara a cara, e saber cales son as diferentes perspetivas que existen sobre a urxencia de defender a terra e de pelexar contra aqueles que aspiran a comerciar ata co aire que respiramos. Vémonos alí!