Algunhas reflexións (tardías) sobre o 1J (2019) e os vetos.

«Quisiera decir algo, pero quizás sea inútil. Nos han vuelto a engañar, una vez más de manera sutil, como lo suelen hacer. Hemos sido generosas, acogedoras, maternales. Hemos hablado, discutido, cantado, exhibido hasta los más ingenuos de nuestros gritos, sin comedimiento, sin pudor femenino, con la absurda esperanza de hacer comprender a quien no puede comprender, ni quiere comprender, cuánta libertad, cuánta autenticidad, cuánto amor, cuánta vida se nos ha quitado. Todo ha sido inútil, hermanas. Los ojos de ese hombre que circula entre nosotras, con su cara falsamente respetuosa y que dice que quiere informarse, conocernos mejor, porque sólo conociéndonos mejor podrá cambiar su relación con nosotras, de todas sus falsas e hipócritas justificaciones, ésta es la más sucia. Como os iba diciendo, los ojos de este hombre son los ojos del sempiterno macho que lo deforma todo porque todo lo ve en el espejo del ridículo y la burla. El sinvergüenza es siempre el mismo.»

– Extracto sen traducir, citado tal cual aparece na fonte, dun comunicado das W.I.T.C.H. (Women´s International Terrorist Conspiracy from Hell)*

Escribo este comunicado porque penso que vai sendo hora de transmitir unha serie de posicións sobre un incidente que aconteceu no verán de 2019 e o meu xeito de reaxir ante o mesmo, e de asumir o que tales posicións implican. Neste tempo, agás dalgunhas conversas en «petit comité» (algunhas delas moi frutíferas) permanecín calado. Xa bastante tardei

Hai 3 anos, o 1 de xullo de 2019, tivo lugar un incidente que trastocou moitos espazos e moitos vínculos de amizade e/ou afinidade dentro dos movementos sociais galegos, abrindo fendas que aínda hoxe seguen sen pechar. Un grupo de mulleres militantes do feminismo autónomo e anticapitalista galego organizaron unha resposta tras ter partillado unha conversa na que foron nomeadas diferentes agresións machistas por parte dalgúns homes «do rollo». Aínda que teño que recoñecer que esta historia todavía me produce varias resistencias internas e teño lagunas e moitas dúbidas, non teño intención de valorar neste texto a acción feminista da que estou a falar, por varios motivos: Eu non estiven alí, non fun citado, non se me avisou (non sei o motivo nin me interesa a estas alturas). Eu non o vivín e todo o que sei procede de testemuñas de persoas que si estiveron aquela tarde no CSOA Aturuxo das Marías. Polo tanto, non sei que pasou con exactitude. Ademais, non é o obxectivo deste escrito validar ou invalidar esas testemuñas pero tampouco redundar noutra crítica máis cara «as tías do Aturuxo». Penso que xa se tratou moito o asunto dende ese lado.

Do que si me gustaría falar é do xeito no que eu, no persoal, reaxín a iso. Quero deixar moi claro que o que segue é unha declaración persoal, e como tal fala por min e só por min. Non podo, nin quero, falar por outres compañeires nin validar ou invalidar os seus sentires sobre esta cuestión. Pero a min si me apetece falar disto abertamente, e de como cambiaron algunhas cousas e perspetivas neste tempo.

Cando aconteceu o do 1J, eu fun unha das persoas que asinou un comunicado de vetos estensivo a todas as mulleres que participaran na acción daquela tarde, e máis concretamente ás que asinaran cos seus nomes o primeiro dos dous comunicados emitidos. Podería seguir refuxiándome en que foi porque había compañeiros que ficaran «tocados» polo que acontecera e para evitar momentos de malestar para eles, pero o certo foi que outro dos principais desencadeantes dese veto polo menos no que a min respecta era o rancor e o enfado. A convicción de que esas mulleres actuaran dun xeito desproporcionado, indiscriminado, que pagaran xustos por pecadores. Que así non se facían as cousas, que foran demasiado lonxe e que, polo tanto, non merecían seguir sendo benvidas nos meus espazos, nas actividades que eu fixera.

Co tempo, decateime (probablemente demasiado tarde) dos problemas que iso comprendía, e tres anos máis tarde quero enumerar, a modo de rectificación, algunhas conclusións, tamén como reflexión que penso que, se cadra, pode servir de cara a cuestionar a cultura da cancelación como ferramenta para a resolución de conflitos:

1. Os vetos corren o risco de pechar canles de comunicación en momentos nos que poden ser esenciais para que certas conversas, debates ou necesidades poidan ser abordadas. Unha ollada en retrospectiva faime pensar que naquel momento era necesario deixar espazo para algunhas conversas que non puideron ter lugar en parte pola tensión que había pero tamén porque as posibilidades eran nulas despois de que se vetara a presencia desas mulleres e de que, por conseguinte, eu, que asinei ese veto, me negara a escoitar o que tiveran que dicir.

2. O veto foi unidireccional, é dicir, vetouse ás mulleres que levaron a cabo o que, volvo dicir, foi UNHA RESPOSTA. Independentemente do seu grao de proporcionalidade e discreción, do seu alcance, de se foi máis ou menos xusta (factores que, repito, non me interesa avaliar aquí) foi unha resposta. Non vetei aos tíos que foron responsables das agresións ás que esa acción respostaba. Non houbo unha reacción pola miña parte igual de impulsiva, ou contundente, contra os homes agresores. Sigo sen ser quen de respostar cando me preguntan por que. Unha serie de tíos cometeron varias agresións sexuais e as que tiveron que pagar o pato de ter expresado a súa raiba foron as agredidas e as súas amigas e compañeiras. Creo que algo saiu mal nese cálculo pola miña parte.

3. Creo que o meu veto contribuiu ao «barullo de fondo» que fixo que, ao final, se falara moito máis da acción do 1J que das agresións que a provocaron. O acontecido o 1J chegou tan lonxe que non só algunhas persoas recibimos comunicacións por e-mail, mensaxes de whatsapp ou chamadas telefónicas preguntando que era o que pasara con esa movida por parte de compañeires que se atopaban mesmo noutros países (e que non mantiñan unha relación directa coa contorna de militancia galega, senón que souberan da movida por Internet ou por terceiras persoas) senón que, ademais, a prensa burguesa (un deles Cadena SER, non é pouca cousa) frotouse as mans e verteron todo tipo de (des)información ao respecto, facendo do sucedido dominio público, especulando e enfangando. Tamén fixeron o mesmo famosos youtubers de extrema dereita, coñecidos pola súa misoxinia, racismo, LGTBIfobia… como Un Tío Blanco Hetero, aproveitando o incidente para rirse de nós, de todes nós. É duro asumir que eu quitei ferro a iso, e mesmo nesa situación, mantiven o veto sen querer escoitar ás mozas. Non se falou das agresións, non se falou de que dentro de espazos feministas ou antisexistas se seguira reproducindo a violencia. En cambio, presentouse ás mozas como as culpables dunha razzia e fabricouse un culebrón lamentable, ao que sinto que eu contribuín en maior ou menor medida.

Quero aclarar que, pese ao veto, eu sempre estiven aberto a falar deste tema. Negueime a falalo por redes (cuestión de saúde mental, e de autocoidado ante o que para min foi un cristo bastante desafortunado alimentando o morbo) e bloqueei ás persoas que tentaron presionarme para facelo (porque si, hóuboas). Se cadra, iso non estivo ben (non me preocupou falar por redes doutras «polémicas» que non me interpelaban directamente, así que a excusa de que era para non «enmierdar» máis con comunicacións despersonalizadas só vale ata certo punto) pero tampouco penso que fose un erro negarme a tratar esta cuestión dun xeito que non fose en persoa. Aínda así, o veto tivo, creo, un efecto moi negativo e problemático.

Dito isto, e por conseguinte anulando (tarde, seino) o meu veto persoal e recalcando a miña disposición con quen quixera falar deste tema, aproveito para dicir: Non me gusta o concepto de Aliado. Non me gusta o concepto de Home Feminista. Non me gusta o concepto de Deconstruido. A min iso de «deconstruirse» paréceme unha estupidez, demasiado Foucault, peña, parade. As persoas non somos platos de cociña na carta de Ferran Adriá. Maldita academia.

Aliado de nada. Deconstruido de que. Referente de ninguén. Eu tamén a cago. Tiven e teño comportamentos machistas, ou dinámicas que respostan aos valores patriarcais. E sinto que o veto foi un erro, que as cousas, EFECTIVAMENTE, teríanse que ter feito doutro xeito, pero tamén pola miña parte.

Houbo compañeiras que algunha vez agradecéronme o meu «compromiso» por facer o que tiña que facer despois de tela cagado moitas veces ata aprender que iso era o que había que facer, e agora sinto que cando unha tía parabeniza a un tío por non ser un merdas o que fai é agradecer que simplemente a respeCte. Tamén houbo compañeiras, amigas, que me chamaron agresor. Por pesado nas conversas e por non aceptar ou respectar límites ou ritmos diferentes, por invasivo con comentarios sobre o físico non solicitados ou sen existir confianza dabondo, por tocar sen consentimento aínda que fose un aloumiño, por invadir lugares que non eran meus, por falar demasiado e ocupar moitísimo espazo nas conversas ou nas asembleas (con especial diferencia con mulleres), por mansplaineo, pola linguaxe, por invalidar a dor chamando esaxeradas, «se les fue la olla», a mulleres por perder a paciencia (como ás tías que levaron a cabo a acción do Aturuxo, fose esa acción como fose), por protexer agresores aínda que fose inconscientemente, por descoñecemento ou por accidente, tanto ten. Quédome con estas últimas. Porque creo que é preciso interpelarnos e, se cadra, a maxia está en atopar xeitos máis xustos e coidadosos de facelo, e esa é tarefa de todes. E porque creo que a xustiza para as oprimidas sempre estará por diante da comodidade dun opresor. O que entendemos por xustiza, e os debates arredor da vinganza e as súas barreiras, da agresión e o seu impacto, da autodefensa e os seus límites, son conversas que tamén molaría ter, pero para iso non se pode vetar unha das voces.

J., de Distribuidora Anarquista Polaris.