Palestra + Coloquio – «Exércitos nas rúas: Informe UO2020 da OTAN e militarización da vida cotiá» (CSO Escárnio e Maldizer, Compostela)

O xoves 4 de maio volvemos a Compostela! Estaremos no Centro Social Okupado Escárnio e Maldizer (ao que levabamos sen ir dende antes do desaloxo, e fainos moita ilusión regresar por primeira vez tras a reokupación) a partir das 19 para falar unha vez máis sobre o informe UO2020 da OTAN e a militarización cada vez maior das rúas e da vida cotiá. Repasaremos o contexto global no que se produce este fenómeno e algúns exemplos vistos nas últimas décadas, visitaremos as últimas actualizacións introducidas dentro da cimeira da OTAN en Madrid do ano pasado e debatiremos posibilidades para a resistencia.

Palestra-Coloquio «Anarquismo e Capacitismo» a cargo de Itxi Guerra (Ateneo Libertario de Pontevedra)

A semana que vén aterriza na Galiza a nosa amiga Itxi Guerra, que xirará por diferentes puntos do territorio para dar palestras e presentacións do máis interesante. O día 1 de maio terémola con nós en Pontevedra, onde colaboramos na organización dun evento no que nos presentará o seu libro «Lucha contra el capacitismo» e falará sobre a relación do anarquismo e as loitas antiautoritarias co movemento contra o capacitismo, é dicir, contra toda forma de discriminación ou exclusión de persoas pola súa forma funcional ou polas súas capacidades físicas ou mentais. A actividade enmárcase nunha xornada máis ampla con motivo do 1º de Maio, na que vos convidamos a acompañarnos durante todo o día.

Se o tempo acompaña e non chove o encontro con Itxi terá lugar no xardín do edificio sindical. En caso de choiva, será no salón de actos do mesmo edificio. Estades todes convidades!

[Nova Edición] «Traizón: Unha análisise crítica da cultura da violación nas subculturas anarquistas» (Words To Fire)

Xa tedes dispoñible a nosa nova edición, unha traducción que fixemos do texto «Betrayal: A critical analysis of rape culture in anarchist subcultures», publicado hai uns anos por «Words To Fire Press» e que nós recollimos dende Anarchist Library. Trátase dunha crítica ás estruturas que manteñen as dinámicas de violencia sexual dentro das contornas presuntamente antiautoritarias ou anarquistas. Un convite á autocrítica e a revisar cales son as nosas formas de acción (ou de omisión) cando se produce unha agresión, e actualizar e mellorar o arsenal e a caixa de ferramentas.

Deixámosvos coa introducción e os enlaces de descarga:

Ler online/descargar:

————————————

A intención de traducir e editar este texto xorde da necesidade, por desgraza aínda moi vixente, de cuestionar e interpelar a existencia dunha cultura da violencia sexual dentro de ambientes anarquistas. A pesar de todos os esforzos e sufrimentos des noses compañeires por visibilizar o problema, crear e compartir recursos, elaborar protocolos, rexistrar testemuñas, esixir xustiza ou cobrar vinganza, a ameaza persiste. Non pensamos que se trate dun problema tampouco de escaseza de ferramentas, pois os textos, as reflexións, os talleres, e a longa lista de accións en contra da violación dentro e fóra dos espazos especificamente antiautoritarios están aí. O problema, se cadra, ten máis que ver coa actitude que temos perante este asunto.

Quen traduce, maqueta e edita este material e escribe esta introdución identifícome como home cishetero. Penso que teño unha responsabilidade comigo mesmo, co resto des miñes compañeires, e en xeral, cos compromisos que conleva recoñecerse como anarquista. Isto non se trata de facer de madeiros unhes con outres, como di Clementine Morrigan, dicir “fuck the police” significa que non actuamos como policías entre nós. Máis ben, trátase de convidarvos a todes, e especialmente a todos, a un percorrido incómodo pero fundamental, na procura de xeitos de tratarnos, coidarnos e amarnos ou desexarnos que sexan auténticas, xustas e verdadeiramente emancipadoras e libertarias, e sobre todo, pola demolición dunha vez de todo ese monstro que é a violencia sexual e, en xeral, o Patriarcado. Agardamos que sirva de axuda.

[Nova Edición] «Yo y yo mismx» (Dany Juego)

Unha reflexión asinada por Dany Juego e que nós atopamos hai anos circulando por Internet. Pareceunos interesante editala nun formato de panfleto, doado de imprimir e distribuir, porque no seu día tocounos bastante dentro e removeunos, resoando con algúns sentires que tiñamos e coas nosas propias vivencias.

Para ler online ou descargar: