«Bajo el asfalto está el bosque» (textos sobre a loita en defensa do bosque de Atlanta)

Ler online ou descargar aquí

Esta publicación reúne en castelán dous artigos que apareceron na web do colectivo editorial anarquista norteamericano CrimethINC. Nós encargámonos da tradución dun deles, “Bajo el asfalto está el bosque”, pero o outro, “La ciudad en el bosque”, atopámolo xa en castelán (agradecemos moito o seu labor aes tradutores descoñecides).

A nosa intención ao traducir e editar estes textos nun fanzine é facilitar a súa difusión e achegar o noso pequeno gran de area na difusión da loita que se está levando a cabo en Atlanta (Xeorxia, EE.UU.) contra a destrución dunha gran superficie forestal e algúns parques locais co fin de construír neles dous megaproxectos que, cada un á súa maneira, forman parte do miserable decorado de represión, xentrificación e consumismo que nos humilla, enferma e aliena a diario.

Por unha banda, o proxecto da “Cop City”, unhas macroinstalacións de adestramento policial coas que continuar sofisticando e expandindo a vixilancia e a “policialización” da vida, nun país cun índice altísimo de asasinatos, corrupción e brutalidade policial. Por outro, un gran magnate de Hollywood que pretende montarse alí outro escenario e estudo de cinema.

A defensa do bosque de Atlanta levouse a cabo mediante diferentes estratexias, que ecoan con nosas propias formas de concibir a loita, desde a autonomía total, a acción directa sen intermediaries, a desobediencia civil e por suposto o ataque e a sabotaxe. A construción de estruturas de resistencia e de vivenda nas copas das árbores, a celebración de eventos e festas autoorganizadas, os enfrontamentos coa policía e as empresas construtoras, e a posta en valor do bosque e dos espazos abertos e naturais fronte á non-vida das cidades, continuamente condicionada polo diñeiro e mediada polo consumo e a tecnoloxía, son ferramentas que nos din que nesta era de crise permanente e colapso, aínda é posible levar as ideas máis aló do terreo dos soños e convertelas en realidade, en prácticas aquí e agora que ameacen ao poder, os seus plans e a continuidade do seu mundo.

Por un mundo que mereza a pena habitar.
Por unha vida que mereza a pena vivir.

Distribuidora Anarquista Polaris.
O verán máis fresco do resto da túa vida, 2022