[Nova Edición] Decálogo de preguntas básicas para homes que busquen librarse desta masculinidade

Para ler online/descargar, click aquí.

Machista eu, pero que dis, como vou ser machista…

Esta é a reacción que moitos (Case todos) temos a primeira vez que nos sinalan os nosos privilexios ou o marco de desigualdade patriarcal no que se desenvolven as nosas vidas e relacións. É difícil, e incómodo, escoitar que o teu comportamento agrede, ou que estás a reforzar continuamente un sistema de opresión do que en moitos casos nin sequera es consciente, porque educáronnos para normalizar todas as violencias das que facemos parte, non só co machismo, tamén con outras desigualdades cunha matriz de xénero ou coas desigualdades de clase, raciais, funcionais, etc.

Ademáis, os homes tendemos a entender o machismo como maltratadores que pegan malleiras á muller ou como siniestros encarapuchados que violan rapazas en caleixóns escuros, e aínda que esas situacións por desgraza seguen a ser cotiás (só hai que botar unha ollada ás arrepiantes cifras de feminicidios e agresións sexuais para facerse unha idea), só son a punta do iceberg dun sistema que funciona a nivel estrutural e que contamina todas as esferas, espazos e interaccións que compoñen a nosa contorna. Nada está exento.

Nós pensamos que é importante comezar a facer un traballo por nós mesmos para desfacernos desta masculinidade tóxica e agresiva que nos foi inculcada e avanzar. Somos conscientes de que este é un camiño moi longo, complicado, nós mesmos nos equivocamos, fixemos sentir incómodas a compañeiras e amigas, descoidamos… pensamos que os procesos son lentos, e non pretendemos dar ningunha fórmula máxica nin respostas definitivas. Pola contra, apetécenos máis e parécenos máis interesante plantexar interrogantes. Por iso, neste pequeno fanzine facemos 10 preguntas que pensamos que poden ser un punto de partida útil para aqueles homes que tamén queiran aprender e producir outros xeitos de relacionarse coas outras, de coidar, de ocupar o espazo, de expresarse ou de querer, non só coas mulleres, senón con calquera.

Esta publicación pretende ser unha ferramenta. Cando remates de usala, non a tires, pásalla aos teus amigos, organizade obradoiros, usádea xuntos!

[Nova Edición] «Vuestras aulas, nuestras jaulas: Recopilación de textos contra la escolarización obligatoria, el sistema de «enseñanza» y la sociedad que cree necesitarlos»

Para descargar ou ver en liña:

“Mutilasteis trozos de mi, me incrustasteis trozos de vosotros/Castigándome por reír y por hablar con los otros/Obligándome a reprimir sentimientos y lo que pensaba/Soportando tener que oír, sermones que no me gustaban (…) Padres, profesores, psicólogos y educadores: ¡Asesinos! Padres, profesores, psicólogos y educadores: ¡Policías! Os cargasteis la espontaneidad de un niño, la creatividad, la rabia y el cariño.”

– Da canción “Mutilasteis” do cantautor Producto Interior Bruto

O presente material pretende ser unha recompilación de distintos textos que traducimos e agrupamos e que teñen como denominador común a crítica ao chamado “sistema de ensino”.

Cremos que todas as institucións académicas que conforman devandito sistema (colexios, institutos, facultades universitarias…) así como os lugares reservados para o castigo a quen non encaixa nos parámetros esixidos ou non acata as normas (aulas especiais, psiquiátricos, centros de menores, reformatorios…), teñen como función principal perpetuar o statu- quo deste mundo e os valores e ideas nos que se basea. A autonomía é eliminada e cada alumne pasa a estar sometide ás normas de supostes expertes que só buscan converternos en gando obedente, en cidadáns satisfeites dos nosos roles reproducindo os mesmos patróns de autoridade. O Clasismo, o Colonialismo e o Racismo, o Capacitismo, a súa falsa bioloxía binaria, patriarcal e especista, a súa “arte” normativa e feita negocio, a súa normalidade, o seu ego.

Nós cremos noutros xeitos de entender as relacións e a vida. Sabemos que é posible construír outros vínculos co que nos rodea, facernos cargo das nosas decisións e responsabilidades sen que un líder teña que dicirnos que facer, e traballar xuntes, e non competindo entre nós, por satisfacer os nosos desexos e necesidades sen ter que oprimir nin devaluar a ninguén polo camiño. Por iso, queremos apostar por un ensino libre, sen dogmas nin xerarquías e que non remate unha vez completas os ciclos pautados senón que nos acompañe todo o noso percorrido como un duro pero fermoso exercizo de aprendizaxe, autocrítica e evolución constante. Para iso, sentimos a necesidade de cuestionar, atacar e sabotear os espazos e estruturas onde o Estado e o Capital perpetúan o seu dominio, e esta publicación é un pequeno paso nesa dirección.

Esta publicación queremos dedicarlla á memoria de Ramón Barrios, de Hamid, de Saray e de todes es nenes salvaxes mortes en centros de menores, asasinades pola maquinaria educativo-punitiva do Estado. Non vos esquecemos, non perdoamos…

Distribuidora Anarquista Polaris
Inverno de 2019