[Nova Edición] «Movementos Coidadosos: Enfermidade Crónica e Activismo» (Radical Resilience)

Para ler online/descargar a publicación:

Galego
Castelán

Cando falamos de transformar/destruir as estruturas de opresión nas que vivimos, o plano sobre o que se proxecta o devandito cambio xamais debería ser abstracto. Discutir e teorizar sobre a utopía só adquire potencial revolucionario na medida en que se acompaña dunha práctica de ensaio-erro para xerar, aquí e agora, espazos e tempos concretos cuxo centro non sexa a reproducción alienante do individualismo neoliberal senón unha noción do común que rache con todas as formas de illamento coas que esta sociedade nos violenta, divide e trastorna, disfrazando de éxito individual discursos que culpabilízannos por fallar na súa competividade absurda, insensibilízannos e enfríannos.

Antes de ler este texto nunca pensaramos en varias das problemáticas que pon sobre a mesa. Se cadra iso débese a que nin nós nin a nosa contorna de afinidade próxima pasamos por unha enfermidade crónica nin por algunha outra doenza que nos obrigase a retirarnos ou nos volvese dependentes. Con todo, outras das cuestións que se tratan aquí, relacionadas coa falta de accesibilidade para persoas sufrintes ou con necesidades especiais nos nosos movementos, si resoan coas nosas propias vivencias dende outros lugares (por exemplo, o sufrimento psíquico). A vergoña ou o “medo” para amosarnos vulnerables e pedir axuda, as xerarquías informais en relación ao currículo militante de cada cal e a diferente consideración dunhas tarefas respecto a outras (quedando sempre devaluadas tarefas historicamente feminizadas como os coidados e todo o que ten que ver co sostén das comunidades e o traballo reprodutivo) son defectos e carencias graves que observamos nos nosos movementos (aínda que sendo honestes cremos que se están a facer grandes avances nese sentido, o cal acóuganos e aléntanos).

Traducir e editar este texto pretende ser unha axudiña nese sentido, para seguir camiñando cara uns espazos máis seguros para todes, e non falamos aquí desa “seguridade” que se soe confundir con inercia e falsa comodidade, e que polo menos a nós danos noxo. Referímonos a espazos onde, mesmo aceptando os riscos do conflito, poidamos sentirnos segures porque o temor a caer atópese coa confianza en que sempre haberá mans que nos suxeiten e recollan volvéndonos por en pé, que nos entendan nos nosos límites, acompañen nas carencias e valoren nos esforzos, sexan máis ou menos visibles ou espectaculares.

Como dixo unha amiga moi querida: “A nosa patria son os afectos”. Coidemos unhes des outres para sermos perigoses xuntes contra este sistema e o seu mundo.

Distribuidora Anarquista Polaris