O próximo sábado 10 de xuño participaremos na nova edición do Fun Fun Fun, festival de autoedición onde estaremos co noso posto de material xunto a outres creadores e proxectos de autoedición. Será no local da Asociación ítaca, na rúa do Pombal nº 18, en Compostela. Estaremos dende ben cedo, pásate vernos e desfrutar do resto de coletivos e artistas e das interesantes actividades que hai programadas!
Archivo de la categoría: General
Presentación da nosa publicación «Traizón» + Coloquio sobre estratexias contra a violencia sexual na militancia (A Galleira, Ourense)
O próximo xoves 1 de xuño a partir das 19 estaremos na Asociación Cultural A Galleira (Ourense) presentando a edición en galego da nosa publicación «Traizón: Unha análise crítica da cultura da violación nas subculturas anarquistas». A intención é aproveitar o coloquio posterior para conversar sobre como entendemos a responsabilidade coletiva sobre esta problemática e que estratexias podemos empregar para confrontar a violencia sexual nos nosos espazos e atacar non só a súa orixe simbólica senón tamén todos os mecanismos de impunidade e obliteración que permiten a súa reproducción. O evento é mixto pois cremos que é tarefa de todes (pero especialmente de todos) recoñecer e bloquear as fontes de toda esta violencia.
Palestra + Coloquio – «Exércitos nas rúas: Informe UO2020 da OTAN e militarización da vida cotiá» (CSO Escárnio e Maldizer, Compostela)
O xoves 4 de maio volvemos a Compostela! Estaremos no Centro Social Okupado Escárnio e Maldizer (ao que levabamos sen ir dende antes do desaloxo, e fainos moita ilusión regresar por primeira vez tras a reokupación) a partir das 19 para falar unha vez máis sobre o informe UO2020 da OTAN e a militarización cada vez maior das rúas e da vida cotiá. Repasaremos o contexto global no que se produce este fenómeno e algúns exemplos vistos nas últimas décadas, visitaremos as últimas actualizacións introducidas dentro da cimeira da OTAN en Madrid do ano pasado e debatiremos posibilidades para a resistencia.
Palestra-Coloquio «Anarquismo e Capacitismo» a cargo de Itxi Guerra (Ateneo Libertario de Pontevedra)
A semana que vén aterriza na Galiza a nosa amiga Itxi Guerra, que xirará por diferentes puntos do territorio para dar palestras e presentacións do máis interesante. O día 1 de maio terémola con nós en Pontevedra, onde colaboramos na organización dun evento no que nos presentará o seu libro «Lucha contra el capacitismo» e falará sobre a relación do anarquismo e as loitas antiautoritarias co movemento contra o capacitismo, é dicir, contra toda forma de discriminación ou exclusión de persoas pola súa forma funcional ou polas súas capacidades físicas ou mentais. A actividade enmárcase nunha xornada máis ampla con motivo do 1º de Maio, na que vos convidamos a acompañarnos durante todo o día.
Se o tempo acompaña e non chove o encontro con Itxi terá lugar no xardín do edificio sindical. En caso de choiva, será no salón de actos do mesmo edificio. Estades todes convidades!
[Nova Edición] «Traizón: Unha análisise crítica da cultura da violación nas subculturas anarquistas» (Words To Fire)
Xa tedes dispoñible a nosa nova edición, unha traducción que fixemos do texto «Betrayal: A critical analysis of rape culture in anarchist subcultures», publicado hai uns anos por «Words To Fire Press» e que nós recollimos dende Anarchist Library. Trátase dunha crítica ás estruturas que manteñen as dinámicas de violencia sexual dentro das contornas presuntamente antiautoritarias ou anarquistas. Un convite á autocrítica e a revisar cales son as nosas formas de acción (ou de omisión) cando se produce unha agresión, e actualizar e mellorar o arsenal e a caixa de ferramentas.
Deixámosvos coa introducción e os enlaces de descarga:
Ler online/descargar:
————————————
A intención de traducir e editar este texto xorde da necesidade, por desgraza aínda moi vixente, de cuestionar e interpelar a existencia dunha cultura da violencia sexual dentro de ambientes anarquistas. A pesar de todos os esforzos e sufrimentos des noses compañeires por visibilizar o problema, crear e compartir recursos, elaborar protocolos, rexistrar testemuñas, esixir xustiza ou cobrar vinganza, a ameaza persiste. Non pensamos que se trate dun problema tampouco de escaseza de ferramentas, pois os textos, as reflexións, os talleres, e a longa lista de accións en contra da violación dentro e fóra dos espazos especificamente antiautoritarios están aí. O problema, se cadra, ten máis que ver coa actitude que temos perante este asunto.
Quen traduce, maqueta e edita este material e escribe esta introdución identifícome como home cishetero. Penso que teño unha responsabilidade comigo mesmo, co resto des miñes compañeires, e en xeral, cos compromisos que conleva recoñecerse como anarquista. Isto non se trata de facer de madeiros unhes con outres, como di Clementine Morrigan, dicir “fuck the police” significa que non actuamos como policías entre nós. Máis ben, trátase de convidarvos a todes, e especialmente a todos, a un percorrido incómodo pero fundamental, na procura de xeitos de tratarnos, coidarnos e amarnos ou desexarnos que sexan auténticas, xustas e verdadeiramente emancipadoras e libertarias, e sobre todo, pola demolición dunha vez de todo ese monstro que é a violencia sexual e, en xeral, o Patriarcado. Agardamos que sirva de axuda.
Compostela – Participamos no Mercadillo da Semana do Libro na Facultade de Filosofía da USC
[Nova Edición] «Yo y yo mismx» (Dany Juego)
Unha reflexión asinada por Dany Juego e que nós atopamos hai anos circulando por Internet. Pareceunos interesante editala nun formato de panfleto, doado de imprimir e distribuir, porque no seu día tocounos bastante dentro e removeunos, resoando con algúns sentires que tiñamos e coas nosas propias vivencias.
Para ler online ou descargar:
Presentación «Hasta que todes seamos libres» no Evento Solidario para o Santuario Vacaloura (CSA do Sar)
O vindeiro 11 de marzo estaremos no CSA do Sar unha vez máis, presentando o noso fanzine «Hasta que todes seamos libres». Reflexionaremos sobre as consecuencias da falta de perspetivas políticas e de conciencia sobre outras opresións dentro dalgúns sectores do movemento antiespecista e polos dereitos dos animais, e a necesidade de entender os diferentes frentes de loita de forma complementaria, conscientes dos nosos privilexios e do espazo que ocupamos, para atacar a dominación en todas as súas formas.
Haberá diferentes actividades durante todo o día, e os beneficios do evento irán destinados a apoiar económicamente aes compañeires do Santuario Vacaloura. Estades convidades!
Palestra + Coloquio – «Exércitos nas rúas: Informe UO2020 da OTAN e militarización da vida cotiá» (CSA do Sar, Compostela)
Seguindo co ciclo de palestras sobre a militarización progresiva da vida cotiá e o informe UO2020 que viñamos realizando dende que remataron as mobilizacións contra a cimeira da OTAN en Madrid o verán pasado, o vindeiro xoves día 23 de febreiro, ás 19:00 da tarde, estaremos no CSA do Sar (R/ Curros Enríquez, 28) en Compostela. Falaremos sobre as formas de represión que se achegan e sobre os «aperitivos» que xa puidemos observar deste fenómeno. Teremos material da nosa distri ❤️
Vémonos alí?
Xornada pola Defensa da Natureza e dos Espazos de Vida (20 xaneiro)
Cando falamos de defensa do territorio, sentimos moitas veces que falamos en abstracto, como se nunca rematase de se concretar cales son realmente as formas nas que tomamos parte nesa resistencia (e ofensiva) contra o mal chamado «progreso» (no que o único que progresa son as estruturas de dominación da economía privada sobre a vida e as necesidades coletivas). Pero alén da impotencia e os seus enganos, agora mesmo están a darse por todo o mundo diferentes loitas pola defensa dos espazos comúns, da vida libre e da natureza salvaxe, contra un monstro omnicida que avanza arrasando bosques, montañas, fogares e memoria. Dende os bosques de Atlanta, na terra roubada hoxe chamada «Estados Unidos», ata Hambach e Lützerath en Renania Occidental, Alemaña, pasando por Sainte-Soline, Bouc-del-air, ou Bure e Bar le Duc en Francia, Covas de Barroso en Portugal, ou aquí, no rural galego, onde a xente de Terra de Montes está a organizarse contra as eólicas. Para achegarnos a esas loitas e debater entre iguais como podemos implicarnos, axudar, e cales son as nosas responsabilidades cando falamos de ecoloxía revolucionaria, organizamos esta xornadiña o venres que vén, á que estades todes máis que convidades.
Queremos coñecernos cara a cara, e saber cales son as diferentes perspetivas que existen sobre a urxencia de defender a terra e de pelexar contra aqueles que aspiran a comerciar ata co aire que respiramos. Vémonos alí!