Sobre a retirada da publicación «Reivindicación de una dieta vegana» (Gerfried Ambrosch)

Hai 9 anos, aló por xuño de 2016, traduciamos e editabamos en castelán o texto «Vindication of a Vegan Diet» («Reivindicación de una dieta vegana», polo título que lle puxemos en castelán) de Gerfried Ambrosch. O texto era, basicamente, unha defensa do veganismo (alén da dieta) presentada como unha “conversa” na que se preguntaban e respondían os argumentos máis comúns en contra e a prol do mesmo. Cando o editamos, foi bastante ben recibido. Porén, temos que recapacitar…

Recentemente, vimos que o autor, Gerfried Ambrosch, publicou varios tweets así como tamén artigos nos que nega que en Palestina se estea a cometer un xenocidio, mestura deliberadamente antisionismo e antisemitismo e minimiza constante e conscientemente a brutalidade de Israel. Ademais, acusa a Palestina, entre outras cousas, de ser homófoba e transfoba, o cal é curioso dado que o propio Gerfried Ambrosch tamén verqueu comentarios transfóbicos nas redes sociais, xustificándose co que el considera unha crítica á “ideoloxía transxénero”, chegando a facer retweet e apoiar publicacións de figuras como JK Rowling. Con outros artigos como o que escribiu baixo o título «My punk-rock cancellation» (publicado no blog «Freethinker») no que lamenta que a “cultura da cancelación” fixese que a banda punk na que tocaba rompese lazos con el debido aos seus “posicionamentos sobre o islam ou sobre a ideoloxía de xénero”, o vaso bota por fóra…

Como coletivo tradutor e editor do texto, dubidamos sobre se retiralo ou non, pero finalmente decidimos rectificar e quitalo do noso catálogo e da nosa páxina eliminando os arquivos, e tamén deixaremos de distribuír copias físicas. Queremos explicar esta decisión.

Non cremos que o que chaman “cancelación” sexa a priori un bo método para a resolución de conflitos, e pensamos que sempre debe existir un espazo para cuestionar os discursos hexemónicos, tamén dentro dos nosos propios ambientes. Non podemos movernos por certezas, dogmas ou verdades absolutas; cremos no potencial revolucionario e transformador do disenso, da discrepancia e mesmo do conflito ou da tensión entre ideas… Pero tamén temos claro que somos un espazo seguro para aquelas persoas e colectivos que sofren unha serie de violencias estruturais e organizadas, que arraigan en determinadas ideas que non podemos nin queremos seguir respectando nin promovendo. Tampouco cremos en invalidar automaticamente todo o pensamento ou achegas anteriores dunha persoa porque nun momento dado exprese opinións problemáticas ou controvertidas, pero cando esas “opinións” son en realidade agresións, e sobre todo cando se trata de algo persistente e non existe unha intención de reparación, para nós está claro que sempre priorizaremos a xustiza para es oprimides por riba da seguridade ou comodidade de quen abusa.

Dende o río até o mar, Israel caerá.
Distribuidora Anarquista Polaris

[Nova edicion] «O Rol da Psiquiatría na Ocupación de Palestina» (Campaign for Psych Abolition)

Para ler/descargar a publicación:

Castelán aquí
Galego aquí

[Actualización] Con máis demora da que nos tería gustado, deixamos a edición en galego da publicación. Sentimos a tardanza dun par de mesiños!

Traducimos e editamos en galego e castelán este fanzine publicado pola xente de CP Abolition, a campaña pola abolición da psiquiatría e dos marcos occidentais arredor da «saúde mental». A publicación analiza a relación estreita entre a psiquiatría como pseudo-ciencia represiva que apuntala os valores da civilización occidental, e Israel como proxecto colonial en Palestina, poñendo ao descuberto como a psiquiatría axudou a desenvolver o proxecto colonial sionista.

Grazas aes compañeires de CP Abolition por preparar este material, e un saúdo para todes es que loitan e resisten en Palestina.

I Feira do Libro Anarquista de Pontevedra!

Esta fin de semana estaremos na I Feira do Libro Anarquista de Pontevedra. Fainos moita ilusión xa que colaboramos como organizadoras e é o primeiro evento deste tipo que se levará a cabo na nosa cidade.

Haberá diferentes actividades e máis editoras e coletivos cos seus libros e materiais. Convidámosvos a pasar pola Praza da Ferrería a partir das 11 da mañá do sábado! Vémonos alí?

Volvemos ao Fun Fun Fun! (Compostela)

Despois da grata experiencia que tivemos o ano pasado, anunciamos que volveremos estar presentes co noso material unha vez máis no Fun Fun Fun, festón de autoedición que o vindeiro 8 de xuño celebra en Compostela a súa sexta edición. Desta volta será no CSC de Santa Marta.

Ademais de postos con material dunha chea de proxectos editoriais e creadoras independentes haberá actividades e máis cousiñas ás que vos podedes apuntar de balde, así que aconsellamos revisar as redes sociais do evento para non perder nada.

Vémonos alí?

Estaremos no Mercadiño de Autoedición do Mur Marxinal (Ourense)

O próximo sábado día 11 de maio estaremos en Ourense, no Mercadiño de Autoedición que organizan no Mur Marxinal. Andaremos por alí todo o día, dende as 11 da mañá aproximadamente ata as 21 da noite. Acompañarannos diferentes proxectos editoriais e creativos independentes e haberá varias actividades ao longo do día. Vémonos alí?

[Nova edición]»Duelo: Más allá del lenguaje» (Nikki Kattoura e Nada Abuasi)

Para descargar/ler online: aquí

O 7 de outubro de 2023, organizacións de resistencia do pobo palestino lanzaron unha ofensiva contra a ocupación sionista, derrubando parte dos valos que amurallan a Franxa de Gaza (décadas atrás convertida en campo de exterminio ao descuberto polas forzas israelís), e recuperando parte do seu territorio. Non é a nosa intención entrar a valorar nin analizar moral ou estratexicamente dita operación, porque pensamos que toda crítica ou interpretación da insurxencia palestina en contra dos seus verdugos dende a comodidade ignorante de Occidente, os nosos teletipos e as nosas academias, está de máis e é insultante, xa que Israel non tería o poder que ten sen o respaldo militar, intelectual, político e financeiro de Estados Unidos e Europa. O único que temos que dicir é que nós negámonos a condenar a quen, tendo esgotado toda vía pacífica posible para tentar poñer fin ao seu sufrimento, optaron por devolver unha pequena parte da violencia que lles subxuga dende hai 75 anos.

Usando de escusa a devandita sublevación, as forzas armadas israelís non deixaron de bombardear indiscriminadamente Gaza, intensificando a súa xa habitual brutalidade e atacando incesantemente edificios residenciais, hospitais, escolas, campos de refuxiados e corredores humanitarios, así como tamén rexións limítrofes do Líbano e Cisxordania, causando nun mes máis de 10.000 vítimas mortais (das que aproximadamente o 50% eran nenes pequenes) e moitas máis feridas ou desaparecidas aínda entre os escombros. Este masacre, que non é senón o culmen do proxecto de aniquilación sionista para o pobo palestino e todo o mundo árabe, foi dolorosamente branqueada pola prensa internacional, con altos mandatarios da Unión Europea expresando as súas condolencias aos colonos israelís, e xustificando a matanza masiva de civís palestines co pretexto da suposta “defensa antiterrorista”. Xa non atopamos termo con magnitude dabondo como para describir a náusea, a vergoña e a raiba que nos produce o relato mediático e a pasividade do “mundo occidental”.

Tras ler este texto, conmoveunos e decidimos traducilo e sacar unha pequena edición en castelán, coa que tentar contribuír á súa difusión. Pola nosa banda, pouco máis que engadir salvo nosa máis enérxica condena, desprezo e noxo cara ao sionismo, o “Estado” de Israel e todos e cada un dos seus defensores e falsos críticos.

DENDE O RÍO ATA O MAR, PALESTINA VENCERÁ!

Presentación de «La Noche del Diablo» no CSA do Sar (Compostela)

31 de outubro, co gallo da festividade de Samhaín, estaremos no CSA do Sar aka Casa do Peixe, en Compostela, presentando a nosa edición do libelo «La Noche del Diablo: El espíritu ingobernable de Halloween», que traducimos do inglés por estas mesmas datas hai 3 anos e que podedes descargar de balde e cotillear clickando aquí. Falaremos das orixes desta feira, de festas paganas que celebran a comunidade e a abundancia, de meigas, de disturbios e de intervalos liminais onde as nenas salvaxes saen da escuridade para cuspir ás estatuas, e do contido e potencial subversivo que podemos aproveitar de toda esa historia.

De onde vén Halloween? Por que un conxunto de rituais paganos transformouse nunha moda máis da sociedade de consumo? Por que tantas veces, grupos de rapaces e xóvenes sen unha militancia política particular, aproveitaron Halloween para desfrutar profanando o sono tranquilo dos «bós cidadáns», atacar a propiedade e burlarse dos adultos, da policía, dos profesores e dos políticos? Que relación garda a recuperación de Halloween e Samhaín coa persecución á disidencia, as queimas de bruxas ou os procesos colonialistas? Cremos que é importante mergullar no pasado, revisar unha e outra vez de onde vén a cultura que nos foi ensinada, e profanala, atentando unha e outra vez contra o silencio que a neutraliza. No caso de Halloween, unha festividade con tanto potencial e contido rebelde e que tantas veces tentaron aniquilar, silenciar ou domesticar, o exercizo parécenos especialmente interesante.

Agardamos vervos alí ❤️

Presentación «Invertides Y Rompepatrias: Marxismo, anarquismo y desobediencia sexual y de género en el Estado español (1868 – 1982)» a cargo do seu autor, Piro Subrat

O próximo día 2 de outubro a Distribuidora Anarquista Polaris e o Ateneo Libertario de Pontevedra argallamos esta palestra na nosa querida Libraría Metáfora (Pontevedra), onde nos acompañará o noso compañeiro e amigo Piro Subrat, autor do libro «Invertides Y Rompepatrias: Marxismo, Anarquismo y Desobediencia Sexual y de Género en el Estado Español (1868-1982)», un documentado percorrido histórico repasando cales foron as afinidades e tensións entre os movementos anarquistas ou marxistas por unha banda e a disidencia sexual pola outra, ao longo dos Séculos XIX e XX.

Vemos necesario dar máis espazo a estas temáticas e debates para rachar coa hexemonía masculina e cisheterosexual, ante o rexurdimento de posturas abertamente reaccionarias, que mesmo dende dentro da «esquerda» e de movementos que se presupoñen emancipatorios ou revolucionarios, volven atentar contra os dereitos e a integridade des noses compañeires trans e de todas aquelas persoas que escapan das normas do Cisheteropatriarcado, chegando incluso a aunar esforzos coa extrema dereita e o fascismo…

Gustaríanos vervos por alí e que vos resulte tan interesante como a nós.

Coloquio Antipunitivista + Picnic e Asemblea Antiespecista (Pontevedra)

Este sábado en Pontevedra organizamos isto xunto coes compañeires de AGA e Irmandade Antiespecista. A idea é comezar cun coloquio sobre antipunitivismo. A que nos referimos? Á crítica das estruturas, protocolos e relacións de poder que plantean o castigo unilateral como único camino na resolución de conflitos entre as persoas, involucrando moitas veces de forma innecesaria e perigosa a corpos de «seguridade» e institucións que non só non poden axudarnos a solucionar os conflitos de raíz senón que de feito son parte do problema. Como reaximos entre nós cando se produce, por exemplo, unha agresión machista dentro do activismo ou algún outro conflito interpersoal que repercute ademais no común? Entendendo que o persoal é político e que todo nesta vida pasa por unha matriz política na medida na que está determinado polas condicións sociais, económicas, culturais e políticas de cada momento, pensamos que é importante e positivo debater entre nós sobre como romper coas formas tradizoais de «resolución» de conflitos e avanzar cara modelos e dinámicas que coloquen no centro os coidados e a aprendizaxe coletivos e, por suposto, a xustiza para es oprimides.

Haberá picnic (obviamente vegano) e logo faremos unha asamblea aberta a todes aqueles que queiran participar dun modo ou outro no activismo polos animais.

Será na illa das Esculturas, pero EN CASO DE CHOIVA, moveráse ao salón de actos do edificio sindical (R/ Pasantería 1, ao carón da Praza da Ferrería)!!

Pontevedra – Palestra: «A represión institucional ao movemento animalista» e Evento solidario coes multades por mobilizarse contra os campionatos de caza do raposo

Recentemente, algunhas persoas recibiron multas por participar en accións e protestas para tentar deter ou obstaculizar os campionatos de caza do raposo (provincial e autonómico) que se celebraron nas localidades de Moaña e A Lama (Pontevedra). Sabendo que as multadas poderíamos ter sido calquera das persoas que tomamos parte nesas accións, e entendendo que debemos afrontar as multas coletivamente, este sábado 17 colaboramos na organización dun evento solidario que terá lugar en Pontevedra e co que pretendemos recaudar algo de pasta para axudar a esas persoas a afrontar os gastos derivados da represión.

Haberá actividades dende a tarde, e nós daremos unha charla ás 18 sobre a represión aos movementos polos dereitos dos animais, na que comentaremos algúns casos coñecidos e outros non tanto, e procuraremos facer unha análise política e estrutural do fenómeno. Despois, a xente de Gure Terra dará un concerto.

No edificio sindical (rúa Pasantería, 1) a partir das 17. Vémonos alí?
Aos asasinos e os seus mercenarios: Non vos temos medo.